A Deputación de Lugo aproba a venda das últimas parcelas no polígono de Feira do Monte

TerraChaXa
Por poxa pública saen á venda as 18 últimas parcelas do parque industrial de Cospeito, mentres a Xunta de Goberno adxudica o arrendamento dos equipos de impresión por 446.925 euros
feira-do-monte-cospeito
9 Aug 2025

A Deputación de Lugo aprobou o procedemento para a venda mediante poxa pública das últimas 18 parcelas do polígono industrial de Feira do Monte, en Cospeito, un parque estratéxico situado preto da Autovía A-6 que facilita a conexión coa provincia e mellora a loxística empresarial.

Destas parcelas, 16 miden 860 metros cadrados, unha delas, a número 12, alcanza os 1.011 metros cadrados, e outra, a parcela 4, conta con 1.311 metros cadrados. Ata o momento, a Deputación xa ten vendidas seis das 24 parcelas que compoñen este polígono.

No resto dos parques industriais xestionados pola institución provincial, a dispoñibilidade actual é de 12 parcelas en Baleira (das 27 existentes), 39 en Castroverde (das 51), 25 en Friol (das 55), 2 en Ourol (das 3), 13 en Paradela (das 19) e 2 no complexo de Begonte (das 12 iniciais).

Ademais, a Xunta de Goberno aprobou a adxudicación á empresa Solitium SL do contrato de subministración mediante arrendamento dos equipos de impresión, copia e escaneo da Deputación por un importe de 446.925,6 euros, cun prazo de dous anos.

⚙ Configurar cookies
0.59409785270691