A Deputación de Lugo colabora co Racing Club Vilalbés para impulsar o equipo Genuine

TerraChaXa
José Tomé destaca o apoio da institución provincial ao primeiro equipo lucense formado por persoas con diversidade funcional
Sinatura-convenio-co-Racing-Club-Vilalbés
15 Jul 2025

O presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, e o presidente do Racing Club Vilalbés, Francisco Ruiz Rey, asinaron no campo de fútbol A Roca da capital chairega un convenio de colaboración mediante o que a institución provincial achega 3.800 euros para dotar de equipamento completo ao equipo Real Racing Club Genuine Vilalba.

Grazas a esta contribución, o club poderá adquirir equipacións de xogo, de adestramento e de viaxe, ademais de balóns e material técnico deportivo, fundamentais para o funcionamento do equipo e a súa participación na Liga A Nosa Champions, unha competición autonómica inclusiva promovida pola Real Federación Galega de Fútbol.

Durante o acto de sinatura, no que estivo presente a alcaldesa de Vilalba, Marta Rouco, xunto con representantes do club e xogadores do equipo Genuine, José Tomé Roca destacou que “con este convenio desde a Deputación de Lugo reafirmamos o noso compromiso coa inclusión real e co deporte como unha ferramenta poderosa de transformación social”.

O presidente provincial subliñou ademais o carácter pioneiro da iniciativa, por tratarse do primeiro equipo non profesional da provincia integrado exclusivamente por persoas con diversidade funcional. “Este proxecto merece todo o noso recoñecemento, apoio e visibilidade pública. Non estamos só diante dun novo equipo, senón dun importante avance social. É un auténtico orgullo que Vilalba conte cun equipo como o Racing Genuine, que serve de exemplo en Galicia e tamén no resto do Estado”, afirmou.

José Tomé tamén quixo agradecer e felicitar ao club chairego polo seu compromiso coa inclusión social e por demostrar que “desde o deporte de base tamén se pode facer país, e por crer, sen matices, na capacidade de todas as persoas”.

Pola súa parte, a alcaldesa quixo destacar que o Rácing Club Vilalbés é o único equipo non profesional de Galicia que conta cunha categoría Genuine, “na que xogan preto dunha vintena de rapaces e rapazas que ademais, na súa maioría, son usuarios do noso Centro Ocupacional; o que fai que este proxecto vaia moito máis alá do deportivo: é unha mostra de integración real, de arraigo no pobo e de participación activa na vida social da nosa vila” salientou a alcaldesa de Vilalba, Marta Rouco.

"Con este convenio reafirmamos o noso compromiso coa inclusión real, e co deporte como unha ferramenta poderosa de transformación social” asegurou o presidente da Deputación de Lugo, José Tomé, quen engadiu que este convenio "supón un paso pioneiro na provincia".

A rexedora vilalbesa, Marta Rouco, amosouse “moi agradecida polo compromiso que, unha vez máis, a Deputación amosa co noso Concello e, neste caso, co deporte da nosa vila. Apoiar ao equipo Genuine é apoiar a ilusión, o esforzo e o talento dun grupo que representa o mellor do noso deporte. Son un exemplo dentro e fóra do campo, e desde o Concello queremos seguir acompañándovos para que poidan seguir crecendo e desfrutando do que fan”, concluíu Rouco.

O Real Racing Club Genuine Vilalba é unha iniciativa pioneira na provincia de Lugo que naceu do convenio entre o Racing Club Vilalbés e o Real Racing Club de Santander, dentro da filosofía de LaLiga Genuine. Este proxecto promove unha práctica deportiva adaptada, baseada na integración, igualdade e participación sen exclusión. O Racing Club Vilalbés, fundado en 1931, é o primeiro club non profesional da provincia que impulsa unha iniciativa real de inclusión de persoas con diversidade funcional a través do deporte.

⚙ Configurar cookies
0.16548705101013