A Deputación de Lugo executa obras de mellora en varias vías de Rábade

LugoXa | TerraChaXa
A institución provincial leva investidos preto de 700.000 euros na mellora de vías e infraestruturas nos últimos tres anos
obras-deputacion-rabade
8 Mar 2026

O PSdeG de Rábade puxo en valor que o municipio continúa avanzando grazas ás inversións impulsadas polos gobernos progresistas, como demostran as obras que a Deputación de Lugo está a executar actualmente en varias rúas do núcleo urbano.

Segundo explican as e os socialistas de Rábade, estanse a desenvolver melloras na rúa Miguel de Cervantes, ás que seguirán actuacións na rúa Doutor Fleming, ambas cun orzamento superior aos 132.000 euros, enmarcadas dentro dun plan de renovación das vías municipais financiado pola institución provincial. Estas intervencións súmanse ás xa finalizadas na Avenida dos Remedios, cunha achega de 224.000 euros, e na rúa Álvaro Cunqueiro, onde a primeira fase xa está rematada e conta cunha inversión total de 32.000 euros.

“A Deputación de Lugo leva mobilizado nos últimos tres anos preto de 700.000 euros na mellora de rúas e infraestruturas en Rábade”, subliñou Alejandro Martínez, voceiro do PSdeG, quen destacou que estas actuacións “evidencian con feitos e cifras o compromiso dos gobernos socialistas co desenvolvemento do municipio e coa mellora da calidade de vida da veciñanza”.

Dende o PSdeG sinalan ademais que, como ocorre noutros concellos gobernados polo PP, o goberno local segue sen instalar os carteis informativos que identifican que administración financia as obras. Lembran que é o Concello quen ten a obriga de colocalos e consideran necesario que a veciñanza poida coñecer con claridade que estas actuacións están financiadas pola Deputación de Lugo.

Neste sentido, Martínez destacou tamén as melloras executadas pola institución provincial nas instalacións deportivas do concello, como a renovación integral do campo de fútbol municipal, cunha achega de 200.000 euros, e a construción dos novos vestiarios, con 58.000 euros, ambas xa rematadas.

No ámbito estatal, o voceiro puxo en valor a recente construción da nova pasarela peonil sobre a liña ferroviaria, promovida por ADIF e financiada polo Goberno de España cun orzamento de 710.000 euros, que permitiu mellorar a seguridade e a accesibilidade peonil no centro urbano.

Para o PSdeG, os datos demostran quen está a destinar recursos no municipio: “En 2023, 2024 e 2025, as únicas obras de interese que se executaron en Rábade foron as impulsadas polos gobernos progresistas, tanto en estradas como no ámbito deportivo e na mellora da accesibilidade”.

“As cifras falan por si soas: nestes tres anos, o Goberno de España e a Deputación de Lugo mobilizaron preto de 1,5 millóns de euros en actuacións e proxectos para o concello, mentres o goberno de Rueda na Xunta de Galicia non impulsou ningunha obra de relevancia”, asegurou Martínez, quen sinalou que o executivo autonómico “nin está nin se lle espera”, pese a contar con competencias e recursos suficientes para promover iniciativas que contribúan ao desenvolvemento do concello.

“Tres anos de goberno do PP en Rábade son tres anos en negro para o noso concello. Non é comprensible que o goberno autonómico do PP permaneza completamente ausente mentres outras administracións seguen traballando para mellorar a vida da veciñanza”, concluíu o voceiro, quen reafirma o seu compromiso de seguir impulsando novos proxectos e melloras para o futuro do municipio.

0.1178879737854