A Deputación de Lugo licita melloras na estrada de acceso a Sete Muíños en Guitiriz

A Xunta de Goberno da Deputación de Lugo aprobou en Guitiriz a licitación do proxecto e das obras para instalar o alumeado e ampliar a zona de aparcamento da estrada LU-P-2304, que conecta o núcleo urbano co área recreativa de Sete Muíños. O investimento ascende a 95.396,34 euros e o prazo de execución previsto é de tres meses.
As actuacións consistirán, por unha parte, na reparación da explanada destinada ao aparcamento, a execución do sistema de drenaxe, o estendido do novo firme e o pintado das marcas viais. Por outra, levarase a cabo a canalización, cimentación e colocación das luminarias que completarán a mellora integral deste acceso.
A voceira socialista, Pilar García Porto, lembrou que a Deputación xa rehabilitara o firme e a senda peonil de toda a estrada —nun trazado de 870 metros— hai apenas dous anos, cun investimento superior aos 100.000 euros. “Hoxe, coa actuación que sacamos adiante, melloraremos enormemente as prestacións desta estrada, moi empregada pola veciñanza e polos visitantes, sobre todo durante a época estival”, subliñou.