A Deputación de Lugo ofrecerá case 2.000 prazas para o programa 'Coñece a túa provincia'

RibeiraSacraXa | TerraChaXa | LugoXa | SarriaXa | AMariñaXa
A Deputación de Lugo ofrecerá este ano preto de 2.
Pilar García Porto
15 Mar 2024

A Deputación de Lugo ofrecerá este ano preto de 2.000 novas prazas no programa de viaxes gratuítas Coñece a túa provincia, tal como explicou a voceira socialista do Goberno provincial, Pilar García Porto, que explicou que a Xunta de Goberno aprobou a convocatoria dunha nova edición desta iniciativa, dirixida a entidades asociativas sen ánimo de lucro de calquera dos 67 concellos lucenses.

“Reeditamos polo tanto este programa, que desde a súa creación hai xa tres anos tivo unha gran acollida e supón un revulsivo importante para a actividade social e económica da nosa provincia a través da promoción do territorio”, valorou García Porto, quen sinalou, que desde setembro do 2021, máis de 8.000 participantes de 358 asociacións xeraron un retorno económico estimado de máis de medio millón de euros.

Nesta tempada do 2024, cada excursión incluirá como en anos anteriores o transporte para os traslados de ida e volta dende o lugar ou lugares de orixe, menú de xantar e entradas e visitas ós diferentes lugares de interese. Con cada grupo irá en todo momento un guía acompañante.

As visitas serán realizadas por profesionais que contan coa habilitación de guía oficial de turismo de Galicia e polo persoal encargado de atención ó público nos diferentes museos, empresas ou obradoiros sinalados nos itinerarios do programa. As solicitudes para participar poderán formularse durante un prazo de 10 días, contados a partir do día seguinte á publicación da convocatoria no BOP.

Outros asuntos aprobados

Actualización do padrón municipal  A Xunta de Goberno acordou ademais solicitar un novo investimento de 1,2 millóns de euros de fondos europeos, no marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia do Goberno de España, neste caso, para seguir avanzando na transformación dixital coa modernización dos sistemas do padrón municipal.

En concreto, tal e como explicou a Voceira socialista do Goberno, estes fondos que a Deputación solicitará ao Ministerio de Política Territorial e Memoria Democrática, servirán para “a revisión en profundidade da información que o Instituto Nacional de Estadística ten en cada concello sobre os habitantes empadroados e as súas vivendas.

Desta forma, ao finalizar o proxecto, o INE contará cunha información depurada, contrastada, veraz e actualizada en relación aos habitantes de cada municipio e a súa residencia”.

O Presidente da Deputación remitiu a semana pasada unha carta aos 67 alcaldes e alcaldesas da provincia ofrecéndolles a posibilidade de beneficiarse desta nova iniciativa, que impulsa a institución provincial para “continuar mellorando o funcionamento dos propios concellos e prestar así un mellor servizo público aos veciños e veciñas”, asegurou a Deputada.

Outro dos asuntos acordados pola Xunta de Goberno deste venres foi a sinatura dun convenio de colaboración a través do que a Deputación aporta preto de 25.000 euros ao Concello de Xermade para financiar os gastos derivados da reformulación do proxecto da Casa da Veciñanza de Roupar.

0.18569087982178