A Deputación de Lugo terá 9 residencias abertas neste mandato
O deputado de Promoción Económica e Social subliñou que o Goberno puxo en funcionamento 6 residencias públicas en menos de catro anos, fronte “ás 0 residencias públicas construidas pola Xunta na última década”.
O Pleno da Deputación rexeitou este martes unha moción do PP na que se cuestionaba o grao de cumprimento do plan de Centros de Atención a Maiores da Deputación Provincial. Na súa réplica á moción, o Deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera Capón, sinalou que o PP “está absolutamente despistado”, e incidiu en que os populares “teñen un descoñecemento absoluto de como funciona o modelo de residencias da Deputación.
Rivera lembrou que durante este mandato o Goberno provincial vai ter en funcionamento 9 centros públicos, fronte “ás cero residencias públicas abertas pola Xunta na provincia durante a última década”. Rivera puxo en valor o modelo de residencias da Deputación, baseado en centros de pequeno tamaño que xeran emprego no rural. Sinalou que ese modelo foi máis eficaz “fronte á pandemia” e que ademais de garantir a atención ós maiores “en moitos concellos as residencias se converten nunha das medianas empresas” máis importantes para os concellos.
O debate produciuse apenas dous días antes da inauguración da residencia de maiores de Ribas de Sil, prevista para o vindeiro día 29 de decembro. Esta apertura súmase ás dos centros de Navia de Suarna, Meira, Pedrafita do Cebreiro, Castroverde e a Fonsagrada, todas elas abertas durante este mandato. E a elas hai que engadir os centros xa existentes de Trabada, Ribadeo e Pol.
Rivera lamentou que o PP “queira minimizar o esforzo feito polos traballadores das residencias, polos profesionais que prestan servizo nelas” ou que non sexa quen de reivindicar un plan de atención á terceira idade “que foi presentado en Bruxelas e que fixo que esta Deputación fose a única invitada polo Goberno do Estado a participar na presentación do PERTE de Economía Social”. Fronte a isto, preguntouse “¿en qué se preocupa a Consellería de Política Social polos maiores desta provincia”.
O deputado lembrou que as competencias en servizos sociais corresponden á Xunta de Galicia, que debería explicar por qué Galicia ten “un déficit de 14.000 prazas de residencias e é a Comunidade Autónoma con menos prazas públicas”. A Xunta adica a Servizos Sociais un 8% do seu orzamento anual, mentres a Deputación Provincial de Lugo aporta 30M€, o 33% do orzamento total.
Pablo Rivera instou ó PP “a que non xogue a facer electoralismo coas persoas, porque aquí hai 262 usuarios que están felices”. Neste sentido, indicou que a Deputación vai seguir traballando nos proxectos doutros nove centros, para duplicar a actual rede existente. “Non vou consentir que se minimice a importancia dun dos proxectos máis importantes da Deputación, pola ausencia da Xunta de Galicia. Eu non quero que a Xunta xestione as residencias, porque o que faría sería darllas a unha empresa. O que quero é que as financie, como é a súa obriga”.
Castiñeira: “É lamentable que Pablo Rivera siga á fronte da súa área de xestión na Deputación despois de enganar a alcaldes e veciños aos que prometeu unha residencia”.
O portavoz popular, Javier Castiñeira, sinalou: “Unha vez máis as propostas do PP foron votadas en contra por parte do goberno provincial, a pesar de que sexan parte do fundamento do que é unha Deputación, e que nun caso tiñan por obxectivo loitar contra o despoboamento e axudar aos concellos pequenos. Esta provincia é eminentemente rural e precisa de axudas de todas as administracións; dado que non se incrementou o Plan Único en dous anos, entendemos que sería importante deseñar un plan para combater o despoboamento e tratar de facer unha discriminación positiva para todos eses concellos pequenos que se viron moi maltratados pola Deputación nestes dous últimos anos”. De novo, socialistas e nacionalistas botaron “balóns fóra e demostraron que non cren nas deputacións para resolver parte dos problemas do rural”.
Por outro lado, segundo indica Castiñeira, no pleno viuse de novo “o teatro do deputado socialista Pablo Rivera respecto á situación das residencias da Deputación; teatro e mentiras”. Os populares lamentan “que o señor Rivera permaneza á fronte desta delegación tan importante e sobre todo que non cumpra os seus compromisos con todos os alcaldes e veciños aos que prometeu unha residencia e a día de hoxe non teñen nada, só un pouco de papel; algúns, por non ter, non teñen nin o edificio que tiñan para convertelo en residencia, como é o caso de Guitiriz”. Foi, di o portavoz popular, “unha lexislatura malísima para as novas residencias”.
Castiñeira declarou despois do pleno: “Unha vez máis o PP puido comprobar que o presidente Tomé viviu da xestión que fixo Suplusa no seu momento; todas as novas residencias acumulan retrasos e practicamente en ningunha das nove que quedan hai movemento. Tomé ten tarefa por diante e a obriga de explicar aos veciños porque non se están cumprindo os prazos nas súas residencias”.