A Deputación de Lugo vén de iniciar os traballos de rehabilitación do firme da LU-P- 1701
A Deputación de Lugo vén de iniciar os traballos de rehabilitación do firme dun tramo da LU-P- 1701, que é a vía que comunica en Cospeito Feira do Monte con Muimenta.
Unhas obras nas que a institución provincial inviste preto de 250.000 euros e que afectan a un tramo de 6 quilómetros desde o inicio da estrada, contribuíndo a mellorar a seguridade e a comodidade da circulación.
As obras, que están a ser executadas pola empresa Cholo SL e que teñen un prazo de dous meses, inclúen unha serie de intervencións.
Nestes momentos, a adxudicataria está a levar a cabo a limpeza das marxes da vía e a mellora do sistema de drenaxe para evitar acumulacións de auga.
Tras rematar estas tarefas procederase á pavimentación da vía con aglomerado en quente, que ofrecerá unha capa de rodadura máis resistente e duradeira; e finalmente, completaranse os traballos co pintado e a sinalización horizontal.
Con esta intervención, a Deputación de Lugo mellora a comunicación entre a Feira do Monte e Muimenta, os dous núcleos máis relevantes de Cospeito.
Ademais, esta vía comunica con outros puntos da comarca da Terra Chá e facilita o acceso o transporte de mercadorías que é moi frecuente pola numerosa actividade agrícola e gandeira desta comarca.