O Partido Popular pide máis participación no Consello Provincial de Turismo

LugoXa | TerraChaXa | SarriaXa | AMariñaXa | RibeiraSacraXa
Ameijide recorda que no mes de outubro defendeuse no pleno unha iniciativa con propostas para incorporar aos orzamentos en materia de turismo
consello-turismo-pp
14 Dec 2024

"Celebrouse unha nova xuntanza do Consello Provincial Turismo na que se constatou que tanto PSOE como BNG seguen apostando por un modelo fracasado ao negarse a dar participación efectiva e real a todos os participantes para que a provincia sexa un destino turístico realmente atractivo para atraer máis turistas”. Antonio Ameijide sinala que, como nas anteriores convocatorias, “non se trata de convocar xuntanzas por cubrir o expediente, nas reunións debe de haber contidos, facilitarse documentación aos asistentes, algo que non se fai, ademais de ter creadas comisións de traballo que non se puxeron nunca en marcha e que serían moi útiles para deseñar campañas de promoción e difusión da marca Lugo como destino turístico”.

Como sucedeu na última xuntanza do ano pasado, dende o goberno de PSOE e BNG empregaron esta xuntanza do Consello Provincial de Turismo para falar “dos éxitos que supostamente acadaron durante o 2024”, pero a realidade é que non fixeron nada por promocionar a imaxe de Lugo.

Neste senso, Ameijide destacou como exemplo negativo que “durante todo o verán os turistas que chegaron á provincia viron como as estradas da Deputación de Lugo estaban esnaquizadas e sen rozar, unha imaxe que nalgún concello se prolongou ata o mes de outubro, como tampouco se amañaron para garantir a seguridade de todos os usuarios”. “Queda claro que a preocupación de PSOE e BNG por atraer turistas é nula”, sentenciou.

Antonio Ameijide quixo destacar “o gran traballo” que se realiza dende o sector privado en prol do turismo na provincia. “De non ser por hoteleiros, hostaleiros e todos os empresarios e autónomos vinculados a este sector, non sei como nos iría a Lugo nin quen ía vir, a vista da nula política turística por parte da deputación provincial”, afirmou.

De feito, dende o Grupo Provincial Popular insisten na necesidade de realizar xuntanzas periódicas con representantes do sector para “escoitar aos que mellor coñecen o turismo na provincia e coñecer os seus puntos de vista para acadar unha xestión eficaz da promoción de Lugo”.

Antonio Ameijide denuncia que tampouco se abordaron as liñas mestras que seguirá o goberno da Deputación de Lugo para a promoción da imaxe da provincia durante o vindeiro ano. “É moi triste ver como a piques de rematar o ano aínda non saben o que queren facer en 2025, xa que sería moi axeitado poder debater entre todos os presentes sobre os mellores proxectos para a promoción da provincia en 2025”, criticou.

Nesta ausencia de proxectos tamén chamou a atención a ausencia de explicación sobre a difusión da provincia de Lugo en Fitur. “Dende o goberno provincial deberían de ter pechadas as campañas de difusión e informar delas, entre as que debería de haber reunións con touroperadores e influencers, dúas das mellores liñas de promoción que hai na actualidade”, sinalou.

PROPOSTAS DO GRUPO PROVINCIAL POPULAR

Antonio Ameijide recorda como dende o Grupo Popular se realizaron xuntanzas cos alcaldes e voceiros populares nos 67 concellos da provincia, reunións das que saíron máis de 50 propostas para incorporar aos orzamentos da Deputación para 2025 (PSOE e BNG votaron en contra de telas en conta), entre as que se incluían para o turismo:

  • Elaborar un Plan Estratéxico de Turismo da provincia que teña en conta as necesidades e peticións das asociacións, entidades e empresas que participan na actividade turística da provincia e que forman parte do Consello Provincial de Turismo, así como a desestacionalización do turismo co obxectivo de diversificar a oferta turística e activar a economía da provincia durante todo o ano.
  • Apoiar e colaborar de xeito decidido da Deputación de Lugo para impulsar a candidatura de Ribeira Sacra para que consiga no 2026 o recoñecemento pola Unesco como Patrimonio Mundial, con accións como:
    -Mantemento e mellora das infraestruturas provincias que discorren pola Ribeira Sacra e mellora da sinalización dos seus recursos turísticos.
    -Regularización, impulso e posta en marcha dos clubs náuticos provinciais para mellorar a oferta de turismo fluvial.
    -Estudar a posibilidade de ofrecer novas rutas en catamaráns.
  • Realizar as xestións oportunas para a recuperación e posta en marcha das instalacións de Augasmestas, construídas en 1996 no concello de Quiroga.
  • Impulsar a construción e continuación da LU-P-4206 para conectar os concellos de Paradela e O Saviñao cunha vía turística e de conexión territorial que percorra a beira do río Miño poñendo en valor a zona e, polo tanto, constituíndo un atractivo turístico máis da Ribeira Sacra.
  • Garantir o bo estado das comunicacións na provincia, a seguridade das estradas provinciais, o principal acceso a puntos de interese turístico.
0.15722608566284