A Deputación destina 500.000 euros a axudas a clubs deportivos
A Deputación de Lugo aprobou a convocatoria de axudas para clubs deportivos da provincia, cun orzamento total de 500.000 euros.
Establécense dúas liñas de axuda: unha destinada a sufragar gastos da actividade competitiva, cun importe que oscila entre os 300 e os 5.000 euros; e outra dirixida á organización de eventos, con achegas entre os 300 e os 2.000 euros.
Para a concesión das axudas, en rexime de concorrencia competitiva, valóranse criterios obxectivos vinculados ao rendemento deportivo e a incidencia social do club. Nese ámbito, prímanse equipos mixtos, femininos ou con persoas con capacidades diferentes. Tamén aqueles que son de concellos con menos de mil habitantes.
O deputado de Deportes, Efrén Castro, explicou que a convocatoria se adaptou, un ano máis, ás circunstancias excepcionais derivadas da pandemia, que impediu que moitos clubs mantivesen a actividade competitiva habitual. “Ademais dos gastos derivados da actividade federada como licenzas, arbitraxes, vestimenta, material deportivo ou arbitraxes, os clubs poderán xustificar gastos derivados da compra de material de protección e prevención fronte á Covid 19”.
Efrén Castro remarcou que “a Vicepresidencia situouse desde o inicio da pandemia a carón dos clubs, mantendo o investimento para que a paralización da actividade competitiva non afectara a continuidade dos seus proxectos, que son imprescindibles para garantir o acceso á práctica do deporte e á actividade física en todo o territorio e que teñen tamén unha importante dimensión económica e social”, concluíu.
A convocatoria publicarase a vindeira semana no Boletín Oficial da Provincia (BOP), cos modelos de solicitude a cumplimentar para a tramitación das achegas. Tamén estarán dispoñibles na web da Deputación de Lugo.