A Deputación destina a Meira 22.000 euros para a compra dun vehículo

TerraChaXa
O presidente asinou co alcalde un convenio de colaboración co obxectivo de incorporar ao parque móbil da entidade local unha furgoneta que se dedicará a tarefas do servizo de augas, mantemento e para dar apoio nas actuacións para as que se precise.
4 Xan 2023

O presidente asinou co alcalde un convenio de colaboración co obxectivo de incorporar ao parque móbil da entidade local unha furgoneta que se dedicará a tarefas do servizo de augas, mantemento e para dar apoio nas actuacións para as que se precise.

O presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, asinou co alcalde de Meira, Antonio de Dios Álvarez, un convenio de colaboración que ascende a 24.121€ para a adquisición dun vehículo para apoio e prestación dos servizos municipais na localidade. A Deputación destina 22.000€ e o Concello a contía restante, 2.121 euros.

Trátase dunha furgoneta nova con dúas prazas habilitadas que se incorporará ao parque móbil municipal. Un parque móbil que arestora só conta cun coche todoterreo para estas funcións, ao que se lle suma este novo vehículo que conta cunha caixa ampla para transportar ferramenta. Servirá para que o persoal do Concello poida desprazarse polos diferentes núcleos do municipio para desenvolver as tarefas do servizo de augas, atención aos núcleos rurais e para dar apoio naquelas actuacións que se consideren necesarias.

Esta nova colaboración económica de 22.000€ que fai agora a Deputación de Lugo con Meira súmase, entre outras, ao investimento de máis de 1,3 M€ que inxectou neste mandato no concello a través do Plan Único de Cooperación cos Concellos, melloras de estradas, creación de emprego, colaboración co tecido asociativo da localidade, entre outras accións que repercuten no día a día da xente. Ademais, dende finais do 2021 está en funcionamento o  Centro de Atención a Maiores que a institución provincial puxo en marcha na localidade.

A cooperación cos 67 concellos da provincia é unha das liñas de actuación prioritarias da Deputación de Lugo, contribuíndo deste xeito a que as entidades locais poidan prestar máis e mellores servizos aos seus veciños e veciñas.

0.17783999443054