A Deputación destina máis de 20.000 euros ao FIV
Xunta de Goberno acordou este venres unha colaboración co Concello de Ourol para apoiar o Festival Aturuxo de Bravos con 20.500€, outra co Concello de Vilalba de 20.000€ para o FIV, e o patrocinio do Resurrection Fest por 150.000€.
A Xunta de Goberno da Deputación de Lugo acordou este venres destinar máis de 190.000€ a tres festivais que se celebran na provincia de Lugo para apoialos e contribuír á súa financiación. En concreto, aprobou colaboracións co Concello de Ourol e de Vilalba para o festival Aturuxo e o FIV, respectivamente, e o patrocinio para o Resurrection Fest.
Por unha banda, a institución provincial aprobou un convenio co Concello de Ourol a través do que lle aporta 20.500€ para a celebración do Festival Aturuxo de Bravos, que é “xa un referente da música e da cultura galega”, pois cada edición reúne a grupos e artistas de referencia no panorama musical tradicional. Este ano recuperará o seu formato orixinal logo de verse limitado nas últimas edicións pola pandemia, e volverá a última fin de semana de xullo. Ademais, este sábado farase unha presentación onde non faltará a música, os xantares tradicionais e os bailes.
A Xunta de Goberno tamén lle deu o visto bo a unha colaboración co Concello de Vilalba para apoiar con 20.000€ a celebración do Festival Internacional de Vilalba (FIV). A institución provincial axuda con esta contía económica a manter o festival, que, ademais dunha proposta de lecer que dinamiza socialmente a provincia, ten un retorno importante para sectores como a hostalería e o comercio. O evento musical, que naceu no 2008, está consolidado como un referente do indie rock nacional, e é todo un revulsivo para a comarca chairega. Este ano volveu a celebrarse no mes de abril con moito éxito, non só polo regreso do festival á súa orixe, senón tamén por ser o primeiro sen restricións da tempada.
Na sesión, a Xunta de Goberno acordou así mesmo a adxudicación do contrato de patrocinio do Resurrection Fest de Viveiro, a través do que a Deputación achega 150.000€ para a celebración da cita, que terá lugar entre o 29 de xuño e o 3 de xullo na cidade do Landro. A Deputación de Lugo apostou claramente dende o principio por este festival, ofrecendo un apoio que foi clave para que se consolidase como o que é hoxe: unha cita de referencia a nivel nacional e internacional, que atrae a milleiros de persoas e que produce un retorno económico de primeira orde para Viveiro e para toda A Mariña.