A Deputación destina preto de 1 millóns de euros para arranxar as estradas danadas polas chuvias

TerraChaXa | RibeiraSacraXa | LugoXa
As estradas afectadas discorren polos concellos de Castro de Rei, O Corgo, Baleira, Guntín, A Fonsagrada, Chantada e Carballedo.
15 Xan 2023

As estradas afectadas discorren polos concellos de Castro de Rei, O Corgo, Baleira, Guntín, A Fonsagrada, Chantada e Carballedo.

O presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, avanzou que a institución destinará preto de 1M€ para arranxar as 11 estradas provinciais que resultaron danadas  polo temporal de fortes choivas ocorrido durante as datas de Nadal.

En menos de dez días dende o final das inclemencias meteorolóxicas, a institución xa dispoñía da avaliación técnica e económica das actuacións a realizar. Agora, de maneira inmediata, acometerá as obras por vía de emerxencia para repoñer as vías coa maior axilidade posible e poñelas así a disposición dos veciños e veciñas.

As estradas afectadas discorren polos concellos de Castro de Rei, O Corgo, Baleira, Guntín, A Fonsagrada, Chantada e Carballedo.

Por concellos, en Castro de Rei, quedou danada a LU-P-1706 á altura do punto quilométrico 9,050. O afundimento do arco metálico do Pontello dos Lobos provocou danos por un importe de preto de 150.000€.

No concello do Corgo hai que actuar na LU-P-1611 polo afundimento do arco metálico da Ponte Maceda, á altura do punto quilométrico 7,900. Na LU-P-2904, que conecta Conturiz co Páramo, haberá que actuar preto do quilómetro 7 por un corremento de terras. As dúas reparacións suporán un importe conxunto de preto de 70.000€.

En Baleira, na vía que conecta Martín e Crende, a LU-P-0406, a Deputación terá que  destinar 180.000€ para acometer os traballos de sostemento da estrada e podela reabrir ao tráfico. Na LU-P-5401, que une Boel coa estrada de Meira ao Cádavo haberá que realizar pequenas actuacións por un importe conxunto de 4.000€.

Tamén na LU-P-1611, pero á altura de Guntín, no punto quilométrico 24,300, haberá que investir 18.000€ para reforzar a estrutura da vía.

Na Fonsagrada arranxarase a LU-P-0408, que conecta este concello co de Baleira por A Lastra. A Deputación de Lugo investirá neste caso 78.000€ para poder restaurar esta estrada provincial que conta con danos en diferentes puntos do seu trazado.

A actuación que supón maior investimento, ata alcanzar os 338.000€, é a correspondente á LU-P-1801, a estrada do embalse de Belesar, en diferentes puntos ao seu paso polos concellos de Chantada e Carballedo.

Finalmente, en Carballedo haberá que actuar nas estradas LU-P-1010, da Touza á Granxa; na LU-P-1004 entre Castro e Os Peares; e na LU-P-1009, entre Piñeiro e Lamacarreira. En conxunto, as actuacións suporán un investimento de preto de 70.000€.

0.19019198417664