A Deputación destina un millón de euros para os clubs deportivos da provincia
A Xunta de Goberno da Deputación provincial aprobou un novo investimento de 1 millón de euros en impulso do deporte na provincia. Estes fondos distribúense nun total de 283 axudas económicas, que reciben uns 230 clubes de 43 concellos e de 38 distintas modalidades deportivas.
Campos Conde destacou que “con esta nova inxección económica seguimos sendo con moita diferencia a administración galega que máis inviste en deporte na nosa provincia, así como a primeira Deputación en Galicia e a terceira de España co maior investimento por habitante. Un dato público, oficial e moi revelador disto é que mentres dende este Goberno da Deputación investimos en deporte 12,92 euros por habitante, a Xunta faino con 6,29 euros. Duplicamos o investimento da Xunta en Lugo tamén en deportes. E todo isto cando a Xunta ten as competencias directas en deportes e conta cun orzamento máis de 100 veces superior ao da Deputación, pois o orzamento provincial non chega aos 90 millóns e o da administración autonómica supera os 9.000 millóns de euros”.
“A pesares desta evidencia, o compromiso desde Goberno Provincial son os 330.000 veciños dos 67 Concellos, a diferenza doutras administracións, traballando a reo por unha Deputación coas persoas, social e rural”, engadiu.
98% das axudas abertas a todos os pequenas clubes deportivas da provincia
O titular provincial explicou que o millón de euros que aprobou hoxe o Goberno da Deputación distribúese en 283 axudas económicas. Destas, 278, que representan o 98% das totais, foron de concorrencia competitiva, o que significa que todos os pequenos clubes da provincia puideron optar e solicitar as mesmas. Os obxectivos destas axudas, duns 500.000 euros, son contribuír á actividade dos deportivas e colaborar na organización de eventos, competicións ou campionatos.
Os restantes preto de 500.000 euros correspóndense coas axudas a clubes da provincia de 1ª e 2ª División Nacional, excluíndo ao Breogán e ao CD Lugo ao contar con outras colaboracións. Os clubes e as axuda son: Burela FS Pescados Rubén, 137.000 euros; Prone Lugo FS, 114.000 euros; CB Durán Maquinaria Ensino, 89.000 euros; CV Emevé, 91.500 euros e Perruquería Mixta Friol, 37.000 euros.