A Deputación destinará medio millón de euros a vías de Lugo, Outeiro de Rei e Castro de Rei

LugoXa | TerraChaXa
Aprobou tamén un investimento de 380.490 euros para adquirir maquinaria para os servizos do Parque Móbil e a Granxa Gayoso Castro
Pilar-García-Porto
17 Oct 2025

A Xunta de Goberno da Deputación de Lugo aprobou este venres investimentos por un millón de euros para mellorar infraestruturas e servizos en 5 concellos da provincia. Así o informou a Voceira socialista, Pilar García Porto, tras a reunión semanal celebrada no Pazo de San Marcos. “Un orzamento co que sacaremos adiante, por unha banda, a mellora de dúas estradas provinciais ao seu paso por Lugo, Outeiro de Rei e Castro de Rei; e a subministración de equipos, dotacións, infraestruturas e servizos básicos nos concellos de Cervantes e Barreiros”.

Nese sentido, informou que a Xunta de Goberno aprobou mobilizar preto de medio millón de euros máis a dous novos proxectos que se enmarcan no Plan de Estradas provinciais 2025.

O primeiro para mellorar en Lugo os tres primeiros quilómetros da LU-P-2902, entre a capital e Ponte de Ombreiro. “Unha estrada importante porque une a vía de Marqués de Ombreiro, na zona das Saamasas, con Ombreiro e dá servizo directo aos máis de 300 veciños e veciñas que viven nesta parroquia luguesa”. As obras, que se licitan por 241.724,4€, afectarán ao tramo comprendido entre o inicio da vía e a potabilizadora de augas, do punto quilométrico 0 ao 2,58 e consistirán na reapertura de cunetas, pavimentación con aglomerado en quente e sinalización horizontal.

Entre Castro de Rei e Outeiro de Rei acondicionaremos tamén preto de 9 quilómetros da LU-P-1107, a vía provincial que vai de Castro a Rábade. “Trátase doutra vía de gran importancia para a nosa provincia, porque dá acceso a servizos tan importantes como a Casa das Insuas”, valorou a Deputada. Neste caso os traballos contarán cun investimento de 182.198,07€ e afectarán ao treito comprendido entre Castro, á altura da parroquia de San Xiao de Mos –punto quilométrico 4,3- e a Fonte da Pinguela, ás portas do concello de Rábade, no quilómetro 13,22. As obras consistirán tamén na reapertura de cunetas, pavimentación con aglomerado en quente e sinalización horizontal.

Maquinaria do Parque Móbil e da Granxa Gayoso Castro

A Deputación aprobou tamén un investimento de 380.490 euros para adquirir maquinaria para os servizos do Parque Móbil e a Granxa Gayoso Castro da Deputación. Para o Parque Móbil a Xunta de Goberno sacou adiante a licitación de tres máquinas, dúas retrocargadoras novas por 266.200, cun prazo de entrega de 40 días; e tamén unha compactadora tandem usada por 64.130 e un prazo de entrega de 30 días.

“Son tres máquinas que son fundamentais para o servizo que presta o Parque Móbil nas estradas da provincia. A retrocargadora úsase para mover e escavar os materiais e a compactadora para apertar e consolidar eses materiais”, explicou a Deputada.

Na Granxa Gayoso Castro quedou licitado o servizo de ensilado de herba por algo máis de 50.000 euros (50.160). Este é un servizo esencial para garantir unha alimentación adecuada do gando, especialmente durante o inverno, cando o pasto natural é limitado.

⚙ Configurar cookies
0.067898035049438