A Deputación duplica o investimento en prevención de riscos laborais

TerraChaXa
A Deputación de Lugo decidiu reforzar o sistema de prevención de riscos laborais ampliando os servizos e duplicando o investimento, que pasa de preto de 60.
thpub_700x400_111420
15 Aug 2020

A Deputación de Lugo decidiu reforzar o sistema de prevención de riscos laborais ampliando os servizos e duplicando o investimento, que pasa de preto de 60.000 euros a case 112.000 euros ao ano, debido principalmente, segundo explicou a voceira socialista do Goberno provincial e Deputada de Réxime Interior, Pilar García Porto, ao incremento da plantilla da institución, que alcanza na actualidade os 600 traballadores e traballadoras, ao aumento dos centros de traballo coa apertura das residencias, e para previr e combater a covid-19.

García Porto informou desta medida na rolda de prensa na que compareceu para explicar os asuntos aprobados na Xunta de Goberno deste venres, pois un deles foi a propia licitación do contrato do servizo de prevención de riscos laborais alleo da Deputación, isto é, “o servizo que realiza labores a maiores das que fai o Servizo de Prevención propio desta institución, en concreto, nas especialidades de seguridade no traballo e vixilancia da saúde, e que ao mesmo tempo lle ofrece a este apoio e asistencia técnica para o desenvolvemento das especialidades de hixiene industrial e ergonomía e psicosocioloxía aplicada”.

Con este contrato, explicou a deputada, reforzamos o sistema de prevención de riscos laborais da Deputación duplicando o investimento. Entre outras melloras, “introducimos servizos e medidas para previr e combater a covid-19 co obxectivo de minimizar o risco de contaxio e propagación do coronavirus, controlar a situación epidemiolóxica entre os 600 traballadores e traballadoras da Deputación e afrontar con garantías o escenario provocado polo virus en tanto siga circulando”.

Neste contrato, asegurou Pilar García Porto, tamén se contempla por primeira vez a realización de recoñecementos médicos adaptados aos riscos de cada posto de traballo, o que leva consigo probas médicas especiais, e que engade deste xeito garantías no control da saúde e benestar dos traballadores.

A Deputada detallou así mesmo que nestes pregos inclúense 23 centros de traballo da Deputación. Entre eles, figuran xa as residencias de Castroverde e Pedrafita do Cebreiro, en previsión da próxima apertura de ambos centros antes de finalizar este ano.

A duración do contrato será de dous anos, prorrogables por outros dous.

A Deputada de Réxime Interior quixo aproveitar para recoñecer “o gran traballo que desenvolveu dende o inicio da crise sanitaria o Servizo de Prevención da Deputación, en coordinación co resto de departamentos e centros de traballo desta institución, o que nos permitiu ir implantando medidas de seguridade e prevención dirixidas aos traballadores e traballadoras, pero tamén á cidadanía que acude ás nosas instalacións ou é usuaria dos nosos servizos públicos”.

Material para o Parque Móbil

Pilar García Porto informou de que a Xunta de Goberno tamén aprobou na sesión de hoxe dous contratos relacionados co funcionamento do Parque Móbil da Deputación. Por unha banda, a compra dunha furgoneta por importe de 25.632,13€, para o que resultou adxudicataria a empresa Breogán Motor SL, que entregará o vehículo pintado, rotulado e matriculado no Parque Móbil nun prazo de 30 días. Con este novo vehículo, destinado a mantemento, gañarase eficacia no uso dos recursos pola súa maior capacidade tanto de transporte de persoas, como de carga.

Por outra banda, a Xunta de Goberno aprobou adxudicar á empresa Repsol Lubricantes y Especialidades SA  o subministro de emulsión asfáltica para o Parque Móbil durante un ano, prorrogable por outro, por un importe de case un millón de euros ( 937.750€).

Este contrato servirá para o mantemento, tanto da rede viaria provincial, como das estradas e pistas municipais, pois, lembrou García Porto, “o Parque Móbil é un importante instrumento de cooperación da Deputación cos concellos da provincia, grazas ao que as arcas municipais aforran importantes custes no acondicionamento das súas vías”.

Remanentes do Plan Único para novas obras

Por outra banda, a Xunta de Goberno aprobou a solicitude dos concellos de Ourol, Foz e Bóveda para destinar a novas obras os remanentes resultantes da execución de actuacións financiadas con cargo ao Plan Único 2019.

En concreto, Ourol destinará preto de 10.500€ á reparación e mantemento de pistas e accesos nos núcleos de Miñotos, Xerdiz e Merille e á construcción de badéns redutores en Vilares; o Concello de Foz dedicará remanentes do Plan Único do pasado ano por importe de algo máis de 54.000€ ao acondicionamento de camiños en Vilaronte; e Bóveda investirá os case 1.500€ de remanentes resultantes da execución dunha obra de pavimentación a acometer traballos de xardinería na área recreativa de Ver.

0.12941002845764