A Deputación e Correos colaboran para levar servizo ao rural
A poboación, independentemente de onde viva, poderá facer trámites administrativos, sacar diñeiro ou recoller paquetes grazas ás 24 oficinas que hai na provincia, os 46 puntos de atención rural e os máis de 200 carteiros e carteiras rurais.
O presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, e o presidente da Sociedad Estatal de Correos e Telégrafos, Juan Manuel Serrano Quintana, asinaron este xoves na Sala de Xuntas do Pazo de San Marcos un protocolo entre a institución provincial e esta entidade para impulsar novos proxectos que favorezan a cohesión territorial da provincia e axuden a loitar contra a despoboación ao facilitarlles que poidan realizar xestións independentemente de onde vivan.
O obxectivo é garantir o acceso aos servizos públicos básicos á poboación rural e de zonas con poucos habitantes nas mesmas condicións que o resto de persoas que viven nas áreas urbanas. A Deputación e Correos traballarán en proxectos que aproveiten a presenza territorial da compañía, que conta con 24 oficinas na provincia, 46 puntos de atención rural e máis de 200 carteiros e carteiras rurais que percorren a diario parroquias e aldeas lucenses.
Tomé Roca explica que “imos ampliar os procedementos administrativos con presenza nas oficinas de Correos e así achegarnos á veciñanza”. “Estamos ante un acordo importante, que se enmarca na liña de accións impulsadas pola Deputación para garantir o acceso a servizos públicos no rural”, subliña. Pon o foco, sobre todo, en que “a perda de poboación non pode traducirse nunha perda de servizos porque isto supón incumprir o mandato institucional de igualdade entre toda a cidadanía española, porque se nos escudamos na baixa poboación para xustificar a retirada de servizos, será a falta de servizos a que impedirá recuperar poboación”.
“Con isto facemos accións concretas, que é o que precisa o rural para corrixir as deficiencias que denuncia a veciñanza”, subliña. Nese sentido, inclúe a realización de trámites administrativos como o pago de tributos ou facilitar o cobro de aquelas subvencións ou axudas necesarias. Tamén se poderán pedir tarxetas de transporte, comprar entradas para actividades culturais ou tramitar licenzas, entre outros moitos trámites. A día de hoxe os cidadáns xa poden pagar os tributos da administración provincial en calquera das 2.370 oficinas postais de España.
Este acordo tamén servirá para que naquelas localidades onde as entidades bancarias non teñan oficina, se fixen caixeiros en Correos ou se amplíen os servizos que prestan os carteiros rurais de Lugo a domicilio, como pode ser a entrega de diñeiro en efectivo co servizo Correos Cash.
Apoio aos produtores locais
Este compromiso entre a Deputación e Correos inclúe, ademais, o impulso da plataforma de venda online Correos Market coa finalidade de que os produtores locais radicados na provincia de Lugo dispoñan dunha nova canle de venda e poidan enviar os seus produtos a calquera punto de territorio. A día de hoxe son 14 os produtores da provincia que distribúen a través desta plataforma.
Outro dos puntos abordados no protocolo é a prevista dixitalización dos puntos de atención que Correos ten en poboacións pequenas para poder aumentar os servizos. Unha das primeiras que se dixitalizou este ano foi a de Palas de Rei, que agora pode prestar servizos igual que calquera oficina de cidade.
Así mesmo, tamén se inclúe a instalación de Citipaq -casilleros para recibir ou devolver paquetes- ou o acceso a ORVE, Rexistro Virtual Electrónico, que facilita o envío de documentos ás administracións.
Vocación de servizo público
José Tomé agradeceu a visita do presidente de Correos á institución provincial, feito que “amosa unha vez máis a vontade de cooperación no desenvolvemento de medidas que beneficien á veciñanza da provincia de Lugo”. Para ambas institucións este proxecto é un avance máis do seu compromiso para facer fronte ao reto demográfico, no convencemento de que a loita contra a brecha existente entre as zonas urbanas e as zonas rurais, carentes a miúdo de servizos e infraestruturas básicos, é a mellor maneira de garantir o desenvolvemento económico e social de todo o país.
“Se as deputacións contamos cunha historia de dous séculos, Correos remonta a súa a 1716. Antes de que a chegada do mundo dixital lle dera un novo sentido á palabra redes, Correos xa tendera unha gran rede de comunicación e distribución por todo o territorio do Estado español. E as deputacións non somos senón o resultado da vontade dos concellos de traballar xuntos, en rede, para poder impulsar mellor os seus proxectos e as súas reivindicacións”, explicou o Presidente, quen cre que ambas entidades teñen “máis cousas en común, pois compartimos a aposta por promover a modernización de unha institución cunha ampla historia sobre a base sólida da experiencia acumulada, tendo sempre en conta as necesidades da sociedade e desde unha firme vocación de servicio público”.