A Deputación esixe á Xunta que reforce as axudas ós produtores en ecolóxico

RibeiraSacraXa | TerraChaXa | LugoXa | SarriaXa | AMariñaXa
A Deputación esixe á Xunta que reforce a partida de axudas ós produtores en ecolóxico para que se cubran a totalidade das solicitudes
1 Feb 2023

O deputado de Recursos Sostibles salientou que a Administración autonómica deixou sen axudas ó 54% do sector, 318 produtores dos que 159 pertencen á provincia de Lugo, e lembrou que as organizacións agrarias levan meses alertando dun desfase de 2,5M€.

A Deputación de Lugo esixe á Xunta de Galicia que reforce a partida de axudas para os produtores en ecolóxico da provincia para que se cubran a totalidade das solicitudes. Así se acordou tras unha moción presentada polo PSdeG no Pleno ordinario do mes de xaneiro, que saíu adiante por unanimidade.

O deputado de Recursos Sostibles, Roberto Fernández Rico, lembrou que se denegaron a metade das axudas ós produtores ecolóxicos “e non se move nin unha folla”. Unha situación “provocada”, que segundo explicou “sitúa a un amplo número de produtores ó borde do peche das súas explotacións” e pola que “nos vemos na necesidade de volver a demandar sensibilidade á Consellería de Medio Rural”.

Fernández Rico expuxo que, dos 318 produtores que quedaron sen axudas, o 54% dos que a solicitaron, 159 pertencen á provincia de Lugo. “Na maioría dos casos, familias que se introduciron a producir con responsabilidade polas normas que nos marcan dende Europa” e que é unha obriga da Xunta “favorecer a aqueles que queren adaptar a súa forma de producir ó respecto e coidado medioambiental”. Incidiu o deputado na gravidade das consecuencias, que poderían traducirse no abandono e peche das producións ecolóxicas pola “desvantaxe respecto ás producións convencionais”.

No debate, Roberto Fernández recalcou que as organizacións agrarias “tiñan sinalado xa en novembro do ano pasado que serían precisos arredor de 5,6M€ para cubrir a totalidade das axudas, cando a Xunta só tiña prevista unha partida de 3,1M€”. Lamentou tamén a resposta da Consellería de Medio Rural, culpando da situación ós produtores e ás produtoras, polo feito de que se terían incrementado as hectáreas rexistradas neste réxime, que terían pasado das 7.400 no ano 2021 a 12.400 no 2022.

“Non se entende como tendo a sorte en Galicia de que se incremente por vontade dos produtores a superficie certificada de ecolóxico ata as 12.000 hectáreas, a Consellería de Medio Rural dea as costas e non trate de acadar acordos para ver as posibles solucións”, lamentou. Neste sentido, puxo tamén sobre a mesa que a Consellería de Medio Rural ten un orzamento para o 2023 de preto de 680M€, sinalando que, polo tanto, non é unha cuestión de falta de recursos, senón de “vontade política”.

Argumentou que a agricultura ecolóxica é unha liña de futuro para o sector, pero tamén unha importante aposta para fixar poboación no rural, lembrando que o obxectivo da Unión Europea (UE) para o ano 2030 é que o 25% da agricultura comunitaria sexa ecolóxica, polo que a boa resposta dos produtores galegos “debería de ser un motivo de satisfacción para a Xunta, e non un problema”.

Fernández Rico sinalou que en Lugo “se atopa o 50% da superficie que Galicia destina a agricultura ecolóxica. Temos case ó 38% dos produtores galegos, o 21% de operadores e somos a provincia que xera o 32% das ventas neste sector” e incidiu no compromiso da Deputación coa defensa do sector primario. “Un sector que aporta riqueza ó PIB, xera emprego e axuda a fixar poboación no rural”, sinalou, e apuntou que “prexudicar á agricultura ecolóxica equivale a comprometer o futuro da nosa provincia”.

Por todo isto, a institución provincial insta ó Goberno autonómico a completar estas axudas para o ano 2022 ata acadar os 5,6M€, incrementar o orzamento destinado para as axudas das producións ecolóxicas para cada ano do período 2023-2027 e tamén dotar ás decisións que afecten ó sector de transparencia e publicidade

Infraestruturas

A institución provincial tamén reclamará tamén ó Goberno do Estado e á Xunta de Galicia melloras urxentes nas estradas e autovías que vertebran a provincia, tras unha moción do BNG aprobada por unanimidade. “Nós reclamamos melloras para a provincia sempre, goberne quen goberne”, apuntou o Deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera Capón, que quixo marcar diferencias entre a Administración central e autonómica no debate respecto ó investimento dedicado ás infraestruturas.

Neste sentido, defendeu Rivera Capón que durante o Goberno de Pedro Sánchez “a provincia de Lugo recibiu dos Orzamentos do Estado máis do triplo de fondos -un 300% máis- que nos últimos 5 anos do Goberno do Partido Popular con Rajoy” e detallou que foron 334M€ entre 2014 e 2018, fronte a 1.143M€ entre 2019 e 2023. Enumerou Rivera Capón algún dos fitos logrados en infraestruturas nos últimos anos, como a chegada do AVE a Galicia, o investimento histórico de 546M€ para a renovación da liña ferroviaria Lugo-Monforte-Ourense, xa en marcha; os avances na A-54 entre Lugo e Santiago, na A-74 e na A-76. Mentres tanto, a Xunta de Galicia ten pendentes infraestruturas esenciais para a vertebración do terrritorio, como a Vía de Altas Prestacións Costa Norte, a Ronda Leste, a autovía Lugo-Sarria-Monforte ou o porto seco monfortino.

IVE DA CARNE E DO PEIXE

Os populares presentaron no pleno senllas mocións en defensa dos intereses da provincia fronte ao abandono ao que o Goberno central, presidido polo socialista Pedro Sánchez, somete a Lugo. A mellora das vías nacionais e a inclusión no IVE reducido da carne e do peixe son os obxectivos que buscou o PP coas mocións.

Para os populares, unha proba do abandono que denuncia “é que o Goberno deixou fóra do IVE reducido a carne e o peixe e por iso defenderon unha moción para que a Deputación esixa a súa incorporación a este grupo de produtos. Esta foi respaldada polos nacionalistas.

Castiñeira manifestou: “Outra proba é o moi deficiente estado da rede viaria nacional e da mobilidade na nosa provincia. O exemplo máis recente é a N-642, na que un gran socavón provocou o corte desta estrada, que é a principal da Mariña. Os primeiros días usáronse como alternativas vías perigosas,  nas que para tramos que leva cinco minutos recorrer pola nacional cortada esixía máis de 80 minutos polo desvío. E todo cunha falta total de respostas sobre cal foi a causa e sobre o cronograma para resolver o problema, posto que a día de hoxe nesta estrada, que soporta entre 10.000 e 15.000 vehículos, está operativo un só carril, o que provoca retrasos medios de 15 minutos”.


Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 634

Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 635
0.18330001831055