A Deputación estuda o plan de vacinación nas residencias de maiores

TerraChaXa | AMariñaXa
A Deputación estuda o plan de vacinación nas residencias de maiores. convocou este mércores un comité de seguimento dos cinco centros
24 Dec 2020

O presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, convocou este mércores un comité de seguimento dos cinco centros de maiores de titularidade provincial co fin de abordar e avaliar a súa xestión ante a crise sanitaria da Covid-19 e concretar a liña de traballo a seguir para afrontar con éxito o Plan de Vacinación da Covid-19.

Na reunión de traballo, celebrada de maneira presencial na Salón de Actos da Deputación e con algúns membros conectados por vía telemática, participaron ademais do Presidente, o Deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera, as directoras dos cinco centros (Trabada, Pol, A Fonsagrada, Ribadeo e Castroverde), a xefa do servizo de Benestar Social e Igualdade, e diferentes traballadores e traballadoras desta área provincial.

No encontro, Tomé Roca trasladoulle a cada unha das directoras e ao equipo técnico, que a institución provincial se pon á súa disposición xunto cos medios técnicos e humanos que sexan necesarios para afrontar “a campaña de vacinación que comezará a semana que vén, segundo nos notificaron as autoridades sanitarias, coa máxima seguridade posible, tanto para os traballadores como para os usuarios, baseándonos na información, a transparencia e a colaboración”.

O presidente incidiu en que “a Deputación amosa a súa máxima colaboración coas autoridades sanitarias, como vimos facendo en todo momento, para que o proceso se desenvolva con éxito”, subliña. “É moi importante manter estas reunións para analizar as particularidades e situacións que se están dando en cada un dos centros, queremos actuar en base a cuestións firmes e escenarios reais”, explica o Presidente. “Tanto as directoras dos centros, como todo o persoal, un centro de traballadores e traballadoras, están facendo un labor excepcional, con moita dedicación e compromiso”, recalcou.

O mandatario provincial destacou que a reunión entra na política de previsión e anticipación que a institución implantou nas residencias, incluso antes de que se decretara o primeiro Estado de Alarma. “Temos claro que hai que intentar estar prevenidos e preparados para as diferentes situacións que se poidan dar, neste caso, sabendo que será a semana que vén cando se inicie esa campaña e os nosos maiores serán vacinados nesta primeira fase”.

Información para as persoas maiores e as súas familias

Estes días previos ao inicio da campaña, persoal sanitario provincial preparou uns vídeos divulgativos para explicar o proceso e resolver as principais dúbidas que poidan xurdir ao respecto. Proxectaranse nas residencias para que todos os usuarios e usuarias saiban en que vai consistir, e faránselle chegar tamén ás familias, co obxectivo de que teñan a máxima información posible ao respecto.

O presidente insistiu en que a crise da Covid-19 demostra que o modelo asistencial público e de proximidade polo que aposta a Deputación achega “un plus de calidade na atención aos usuarios e de tranquilidade para as familias, xa que son centros pequenos nos que se garante que os maiores reciben os coidados e servizos que precisan e aos que teñen dereito, preto do seu lugar habitual de residencia”.

0.19287085533142