A Deputación financia a mellora das pistas en dúas parroquias da Pastoriza
Medio Rural da Deputación de Lugo e o Concello da Pastoriza asinaron un convenio para realizar obras de mellora en pistas das parroquias de Gueimonde e Fonmiña. O acordo interadministrativo, aprobado en Xunta de Goberno, contempla a pavimentación dun acceso moi deteriorado a unha vivenda en Gueimonde e outros dous que dan servizo ás aldeas de Paraxes e Os Goritos.
As actuacións previstas incluén a reposición do firme cunha capa de mezcla asfáltica en quente e a limpeza das cunetas e a limpeza das cunetas en cinco pistas e ramais, que suman máis de 2,5 quilómetros de lonxitude e que son de uso habitual por turismos e maquinaria.
A tenente de alcaldesa de Pastoriza, Elva Carrera, explicou que “o financiamento da área de Medio Rural da Deputación de Lugo permitiranos continuar coa mellora da rede viaria municipal, atendendo de forma prioritaria ás vías a que dan acceso á vivendas e explotacións gandeiras. Despois das obras realizadas na Rigueira e Cadavedo, tamén co apoio da Deputación, con este novo investimento nos vindeiros meses renovaremos o pavimento doutras pistas especialmente deterioradas nas parroquias de Gueimonde e Fonmiñá”
A deputada de Medio Rural, Mónica Freire, sinalou, pola súa banda, que “desde a área de Medio Rural estamos a facer un esforzo por colaborar na mellora das infraestruturas das zonas rurais, xa que somos conscientes das limitacións orzamentarias dos concellos para atender o mantemento da rede viaria, máis en zonas gandeiras como o da Pastoriza onde estas infraestruturas son empregadas por maquinaria agrícola”.
As obras suporán un investimento total de 135.819,94 euros distribuídas entre esta anualidade e a vindeira. A área de Medio Rural achega ao convenio 127.767,38 euros.