A Deputación financia a recuperación da casa natal do poeta Díaz Castro
O presidente da Deputación, Darío Campos Conde, e a alcaldesa de Guitiriz, Regina Polín Rodríguez, mantiveron un encontro con membros da Asociación Cultural Xermolos para avanzar no proxecto de recuperación e posta en valor da casa natal do poeta Díaz Castro. Durante o encontro, asinaron o convenio de colaboración co presidente da Asociación Cultural, Alfonso Blanco Torrado, dotado de 10.000 euros cos que asumir os custos da redacción do proxecto para a recuperación da casa.
Campos Conde subliñou que “impulsar a figura de Díaz Castro é impulsar o patrimonio inmaterial de todos os galegos, situando a Guitiriz no mapa cultural do país, o que tamén favorece a actividade económica da provincia. Díaz Castro é un valor que este Concello e a súa alcaldesa teñen moi presente. É por iso polo que, tal e como nos solicitou Regina, dende o Goberno da Deputación poñemos á disposición da Asociación de Xermolos estes fondos para iniciar os traballos de recuperación da casa natal, arrancando coa elaboración do proxecto que defina as actuacións necesarias a levar a cabo”.
Polín Rodríguez destacou “o compromiso do Goberno da Deputación en todas e cada unha das iniciativas para poñer en valor a figura do poeta, tendendo sempre a man e sumándose ao proxecto da creación da Ruta da Pedra, do Centro de Interpretación, da realización dun documental ou a escultura elaborada polo artista Ramón Vilar”.
A casa de Díaz Castro encóntrase en Guitiriz. O inmoble conta cunha superficie construída de 374 metros cadrados, dividida en dúas plantas, con 133,15 metros cadrados cada unha, supoñendo un total de 266,15 metros cadrados útiles. A planta alta contará con 5 espazos e a planta baixa con 6 espazos totalmente diferenciados, entre os que se poden encontrar: a sala de Díaz Castro, lugar no que se acollerán os seus papeis e recordos; Sala da memoria, estará formada por unha biblioteca e un arquivo; Memoria da comarca, unha sala na que se pretenden formar encontros entre a xente maior e os máis novos; Cociña, será un arquivo para documentación e pertenzas das asociacións; un Auditorio multinacional, espazo no que se levarán a cabo debates e xuntanzas; a Habitación do poeta, este cuarto estará aberto a persoas que queiran aloxarse e aproveitar o ambiente do lugar para crear; e un tear.
A casa natal do poeta Xosé María Díaz Castro quere ser máis ca un museo, converténdose na Casa da Xente. Tratarase dun espazo aberto e moi dinámico co que convocar e chamar a atención da xente pola actividade continuada e pola pluralidade dos seus contidos, en colaboración cos servizos hostaleiros da zona. Disporase dun espazo para acampada na carballeira lindante, buscando a harmonía entre natureza, convivencia, o patrimonio material e inmaterial.
O proxecto de recuperación do inmoble contempla a organización de actividades ao longo de todo o ano. Deste xeito, utilizarse a casa do poeta para organizar xornadas de patrimonio coas que dar a coñecer a Comarca, buscando incrementar o turismo cultural. Cada mes celebraranse xornadas dedicadas á paisaxe, á memoria histórica, ao patrimonio, o asociacionismo, a literatura ou ás artes na Chaira.
Esta achega de 10.000 euros súmase á inversión total do Executivo de 85.000 euros para poñer en marcha o Centro de Interpretación Díaz Castro e a Ruta da Pedra. O Goberno da Deputación investiu uns 37.000 euros no Centro de Interpretación, situado nunha edificación tradicional construída en pedra en Vilariño dos Cregos, na parroquia dos Vilares, que pertenceu á casa natal de Díaz Castro.
Este centro complementa a chamada “Ruta da Pedra de Díaz Castro”, que abriu a Deputación e que conta con recoñecemento oficial. Para acadala, o Goberno Provincial realizou tarefas de limpeza e acondicionamento da ruta imprescindibles para a súa posta en valor. Tamén se realizaron traballos de sinalización, dotándoa de paneis informativos e balizas para indicar o camiño. Estes traballos contaron cunha achega da Deputación de 48.000 euros.
A escasos metros do Centro de Interpretación, descansa unha escultura elaborada en granito, obra do artista Ramón Vilar, que a Deputación instalou en homenaxe a Díaz Castro. Do mesmo xeito, a Deputación colaborou cos rapaces do IES Díaz Castro de Guitiriz acollendo na Capela de Santa María a presentación do documental A lus do mundo, que os alumnos elaboraron para reivindicar que se lle adicara o Día das Letras Galegas no 2014, obxectivo finalmente acadado.