A Deputación financiará a construción dunha depuradora ecolóxica en Cabreiros
O presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, e o alcalde de Xermade e deputado de Participación Cidadá, Roberto García Pernas, asinaron un convenio de colaboración a través do que a institución provincial achega ao Concello de Xermade 46.000€ para a construción dunha depuradora ecolóxica no barrio do Empalme, na parroquia de Cabreiros.
José Tomé subliñou que a achega provincial mellorará o día a día da veciñanza dunha ducia de vivendas do rural, onde o pico máximo de poboación que se acada é de 25 persoas. Terá capacidade para filtrar 4.256m3 ao día. Vaise instalar ao aire libre nunha finca que se denomina como Prado Vello de 272 m2, ocupando a depuradora arredor de 100 m2. “Este barrio aínda non tiña depuración de augas, e é moi necesaria. Trátase dunha demanda histórica que agora se ve cumprida grazas a este convenio, que é froito dun compromiso do Alcalde coa veciñanza”.
A previsión é que a depuradora xa empece a traballar neste 2021. “Optamos por unha depuradora ecolóxica que contamina menos, hai que ter en conta que nos atopamos nunha zona cun alto valor medioambiental, en pleno rural, onde debemos alterar o mínimo posible o medio”.
“Estas depuradoras funcionan ao aire libre e con plantas, e supoñen un custe de funcionamento e mantemento máis baixo que as depuradoras convencionais”, explica o mandatario provincial. Este tipo de depuración non dá olores e acada resultados moi bos, incluso mellores que as depuradoras tradicionais.