A Deputación financiará un ano máis a piscina da Pastoriza
A Vicepresidencia da Deputación de Lugo mantén un ano máis o compromiso co funcionamento da piscina climatizada de Pastoriza, cunha achega de 70.000 euros para colaborar nos gastos de mantemento das instalacións que dan servizo a usuarios e usuarias de todos os concellos da contorna.
O recinto ofrece ás persoas usuarias un amplo abano de propostas en distintos espazos, desde as actividades acuáticas e os cursos de natación para todas as idades na piscina ata sesións de cardiobox, powerpump, zumba -para persoas adultas e nenxs- ou pilates na sala de fitness e no ximnasio, dirixidas por persoal formado e adaptadas a distintas condicións físicas.
Ademais do uso individual das instalacións, o centro recibe grupos de alumnos e alumnas de colexios de Abadín, Baleira, Castro de Rei, Cospeito, Meira, Pol ou Vilalba, ademais da Pastoriza, no marco de actividades organizadas por escolas deportivas, clubs e anpas.
A vicepresidenta Maite Ferreiro visitou o recinto acompañada pola tenente de alcalde da Pastoriza Elva Carrera, que agradeceu “a colaboración económica da Vicepresidencia da Deputación para afrontar os gastos que conleva o mantemento deste servizo que entendemos non só como un centro deportivo senón tamén como un centro onde coidar da saúde e socializar” e lamentou que “ a Xunta de Galiza non colabore no financiamento do servizo, do que fan uso persoas de toda a comarca”.
Maite Ferreiro remarcou na repercusión do centro en toda a comarca, “ofrecendo aos veciños e veciñas deses concellos un equipamento que amplía as posibilidades de facer deporte e actividade física a persoas de todas as idades” e incidiu na demanda “de colaboración da administración autonómica para que as persoas do rural dispoñan dos mesmos servizos e oportunidades que as persoas que viven nas cidades”.
A Vicepresidencia da Deputación de Lugo asume máis da metade dos gastos de funcionamento das instalacións a través desta achega anual,que se completa coa aportación do concello e coas cuotas de usuarias e usuarios.