A Deputación firma un convenio coa Asociación Atila de Muras para celebrar o seu aniversario

A Xunta de Goberno da Deputación de Lugo aprobou este venres tres novos convenios de colaboración cos Concellos de Viveiro e o de Ribeira de Piquín e outro coa Asociación Atila por un importe conxunto de case 380.000 euros. Así o anunciou a Voceira socialista do Goberno, Pilar García Porto, tras a reunión celebrada esta mañá.
García Porto explicou que “aprobamos un acordo de case 30.000 euros coa Asociación Atila, do Concello de Muras, para colaborar coa conmemoración do 25 aniversario desta entidade”.
No evento inclúese unha ruta a cabalo na zona do Xistral, unha homenaxe aos socios e directivos da entidade, un xantar, actuacións musicais e un campamento hípico de Nadal para nenos, entre outras propostas.
García Porto resaltou que “colaborar co tecido asociativo é fundamental para o desenvolvemento social e cultural da nosa provincia. A través de investimentos coma este fomentamos a socialización entre veciños e veciñas e dinamizamos o rural”.