A Deputación formaliza a concesión pública do Centro de Recría Gayoso Castro que abrirá a principios de 2018

TerraChaXa
O presidente, Darío Campos Conde, e o responsable da Recría Castro, Rogelio Grille Barbeira, asinaron este mércores o contrato da concesión pública para a xestión do Centro de Recría da Granxa Gayoso Castro da Deputación.
Campos e Grille na sinatura do convenio de concesión do Centro de Recría Gayoso Castro
8 Nov 2017

O presidente, Darío Campos Conde, e o responsable da Recría Castro, Rogelio Grille Barbeira, asinaron este mércores o contrato da concesión pública para a xestión do Centro de Recría da Granxa Gayoso Castro da Deputación. Trátase da empresa adxudicataria da concesión, logo de obter a puntuación máis alta nas ofertas presentadas no proceso público de contratación.

No acto, participaron tamén a Presidenta de SERAGRO, Noelia García Santoalla, así como membros do Goberno Provincial. Cómpre lembrar que se trata dunha concesión de servizos de carácter público que contará coa supervisión do Goberno da Deputación para garantir que se cumpran as condicións estipuladas, que ten unha duración de 15 anos, prorrogables ata 25. Na páxina web da www.deputacionlugo.gal hai un espazo habilitado co regulamento do Centro de Recría Gayoso Castro.

Campos Conde apuntou que logo desta sinatura, a apertura do Centro de Recría da Granxa Gayoso Castro da Deputación é unha realidade. “As primeiras becerras comezarán a entrar nos primeiros meses do ano 2018, nestas instalacións que serán un centro de referencia para a recría de todo o país tanto pola magnitude e calidade das instalacións, como polo servizo que os profesionais encargados da súa xestión estou seguro que han de prestar aos nosos gandeiros” apuntou.

“Dende o Goberno da Deputación estamos comprometidos co rural; e este compromiso hoxe faise realidade con este acto, co que, a principios do ano 2018, poremos en marcha o 1º centro de recría de gando vacún público en España. Tras anos de traballo e un investimento en solitario de 12 millóns de euros, sen o apoio de ningunha outra administración, nin sequera daquela que ten as competencias, o Centro de Recría está a piques de abrir as súas portas”.

“Estas instalacións abren unha nova etapa na nosa provincia e no campo galego pola importante inxección económica e de emprego que supoñen, sobre todo no rural e nel, plásmase o modelo económico e produtivo que queremos para a provincia: a dotación de infraestruturas públicas, xestionadas cun rigoroso control público que aproveiten os grandes recursos dos que dispoñemos no medio rural para xerar valor engadido, riqueza e postos de traballo. O Centro de Recría é, sen dúbida, o máximo expoñente do impulso que lle levamos dando dende o Goberno da Deputación ao sector agrario e gandeiro da nosa provincia”.

Aforro para gandeiros e volume de negocio de 3 millóns
O Presidente da Deputación explicou que a apertura deste centro poderá acoller en total unhas 3.000 xovencas, preferentemente da provincia de Lugo. Ademais, traerá grandes beneficios para os gandeiros, e polo tanto para a economía da provincia de Lugo, que se sustenta, fundamentalmente no sector primario. Campos Conde apuntou que co Centro de Recría:

- Afórranse custes aos gandeiros: cun prezo de recría de 2.39 euros ao día; redúcese nunha media de 300 euros o custe por cada xovenca que se recríe nas instalacións. O continuo aumento dos custes e a falta de man de obra é unha das grandes preocupacións para todo o sector gandeiro”.

- Os gandeiros recrían máis e mellor: Por unha banda, o centro de recría ten capacidade para 3.000 xovencas, o que evita que os animais teñan que ser importados doutros centros de recría de España o que sen dúbida supón un esforzo que para moitos gandeiros é difícil de facer. Por outra banda, a recría nun centro deste tipo supón a mellora da calidade xenética dos animais e garante o control sanitario e o benestar do rabaño.

- Xeración de actividade económica: Ademais dos beneficios que ten de maneira directa para os gandeiros, estímase que a actividade do centro de recría, cando estea a pleno rendemento, xerará na provincia un volume de negocio de 3 millóns de euros ao ano para o sector gandeiro. Ademais da actividade económica xerada coa recría queda na provincia, é dicir, a alimentación e os materiais, tamén se xeran postos de emprego: os dos profesionais que prestarán dito servizo das instalacións provinciais.

Proceso da Recría
As primeiras becerras entrarán cuns 15 días de vida e poderán pasar ata 21 meses recriándose nas instalacións do Centro de Recría da Deputación. Os gandeiros interesados en recrías as súas becerras, poderán solicitar toda a información en info@recriacastro.es

Á chegada, farase un exame clínico na zona de cuarentena para identificalas. Durante todo o período de estancia na Granxa Provincial, vacinaranse aos animais conforte á normativa, así como cos controis sanitarios e desparasitación.

Na fase lactante (ata 2,5 meses de vida) administrarase a toma do leite, seguindo o horario establecido; e farase un exhaustivo control do estado dos animais ante posibles proceso infecciosos. Durante o destete, irase reducindo o leite aportado, a través unha redución gradual do leite aportado e executaranse controis e pesaxes dos animais durante todo o proceso.

Na fase post-destete, os animais estarán aloxados en casetas colectivas durante 30 días e alimentados con forraxe e na de pre-transición (ata os 5 meses), as becerras estarán en nave con cama quente, en lotes de 10 animais. Na fase de transición (ata os 12 meses), procederase ao aloxamento en naves con cubículos, en lotes de 50 animais.

A fase de cubrición (ata os 15 meses, arrancará cando os animais midan 1,35 cm e pesen 400 kg. Faranse inseminacións con seme de alto valor xenético evitando a consanguinidade e observacións adicionais para detección de celos. E por último, na Fase de xestación (ata a saída), vacinaranse os animais para preparalos para a saída cara a explotación, que iran sempre acompañados da documentación necesaria.

Características do Centro de Recría
As instalacións do Centro de Recría suman unha superficie de 86.000 metros cadrados, e contan con 13 naves cunha capacidade media para 200 animais cada unha, e dotadas cun total de 2.200 cubículos, 2.200 camas de goma EVA e 2.200 cornadizas automáticas, ademais de 208 bebedoiros e un sistema de limpeza automática de arrobadeira.

O recinto tamén ten 270 casetas individuais e 105 colectivas, unha manga para o manexo do gando de 700 metros de lonxitude, unha das máis largas de España, 12 silos para forraxe e 5 esterqueiras para o almacenaxe dos residuos procedentes do encamado dos animais.

A planta de biogás integrada no centro proporcionará 300Kw de enerxía co tratamento de 32.000 metros cúbicos de xurros, estercos e residuos vexetais, o que permitirá que as instalacións, non só sexan autosuficientes, senón tamén producir excedentes de enerxía. Quedarán libres 2.000 megavatios eléctricos anuais, o suficiente para abastecer 250 vivendas e forrar 200.0000 euros de luz ao ano, así como outros 1.700 megavatios térmicos, o equivalente a 100.000 euros de auga quente ou calefacción.

O centro de recría contará ademais coa planta de biogás agrogandeiro máis grande de Galicia, que permitirá transformar en enerxía os residuos que se xeren, facendo que o centro de recría sexa autosuficiente. É dicir, suporá que os custes enerxéticos destas instalacións sexan de cero euros e contribuirá a unha xestión racional e sostible.

Ademais do aforro de custes, outras das vantaxes da planta de biogás son o incremento do valor agronómico dos xurros e do esterco, pois transformaraos en dixestato, mellorando a capacidade de fertilizante, e a redución da emisión á atmosfera de 400 toneladas de CO 2 anuais.

O equipo de goberno da Deputación, presente na sinatura do convenio da concesión do Centro de Recría.
0.11532688140869