A Deputación implícase na nova edición da Moexmu
O Presidente da Deputación, Darío Campos Conde, mantivo unha xuntanza de traballo na sede do Recinto Feiral "Manuel Vila López" de Muimenta, para avanzar coa nova directiva de MOEXMU na vindeira edición desta punteira cita gandeira. Ademais de dita Mostra de Exposicións, este colectivo é o encargado de organizar a Festa da Filloa de Muimenta, declarada Festa de Interese Turístico Galego, no ano 2008.
Neste encontro participaron, o Presidente da XXXIV edición da MOEXMU, Tino Méndez Vila, e os integrantes da comisión organizadora, que son; Antonio Cupeiro, Álvaro Engroba, Antonio Iglesias, Carlos Novo, Camilo Pérez e Mariano Rodríguez, así como o seu xerente, José Manuel Rus Rodríguez, e a Concelleira do PSdeG-PSOE en Cospeito, Rosa Morán.
Campos Conde lembrou a importancia da celebración de MOEXMU na Comarca da Terra Chá, que contou cun investimento da Deputación de 12.000 euros na pasada edición, orzamento que se incrementou coas exposicións e actuacións de profesionais de artesanía e música, que tamén leva a través do CENTRAD e do Musiqueando da Deputación. Na pasada anualidade, este certame xuntou a 108 cabezas de gando, cun valor de 312.900 euros; así como 100 expositores de venda de produtos artesanais, gastronómicos, mobles, automóbil ou maquinaria agrícola, entre outros.
O Presidente sinalou que o Goberno da Deputación promoveu a última edición da Festa da Filloa cunha achega económica de 3.000 euros, ademais de levar demostracións artesanais e actuacións musicais a Muimenta. Campos Conde explicou que “colaboramos con esta cita, consolidada no tempo e declarada Festa de Interese Turístico Galego, co fin de contribuír á promoción dun dos pratos máis coñecidos da cociña galega, ao tempo poñemos en valor a importancia deste tipo de iniciativas que promoven de xeito significativo o turismo nesta zona da provincia”.