A Deputación impulsa a XXXI Festa da Filloa, que volverá o día 1 de maio a Muimenta
O presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, e a presidenta da Asociación de Comerciantes, Empresarios, Profesionais, Gandeiros e Autónomos de Muimenta, Dolores Darriba Lamela, asinaron este martes no Pazo de San Marcos un convenio de colaboración para impulsar a XXXI Festa da Filloa de Muimenta cunha achega de 3.000 euros da institución provincial. No acto de sinatura tamén estivo presente o xerente do colectivo, José Manuel Rus.
Tomé Roca destacou que esta cita declarada Festa de Interese Turístico de Galicia volverá o día 1 de maio para poñer en valor este manxar, pero tamén haberá expositores de artesanía e actividades durante toda a xornada no recinto feiral Manuel Vila.
A institución provincial apoia esta festa gastronómica que se celebra dende o ano 1992 e que significa toda unha xornada de convivencia entre a veciñanza e persoas que se achegan ata esta parroquia de Cospeito para renderse a este produto típico galego que elaboran filloeiros filloeiras de todas as xeracións.
Forte apoio á Moexmu
A Deputación de Lugo respaldou a pasada fin de semana a 38 edición da Mostra Exposición de Muimenta (MOEXMU), que se celebrou a pasada fin de semana. A institución provincial destinou a esta importante cita 33.000€ en diferentes axudas chegando a triplicar a colaboración económica de anteriores edicións, ademais de doar dúas xatas da Granxa Gayoso Castro que se sortearon o día da clausura.