A Deputación inaugura en Vilalba unha mostra sobre a inserción laboral das persoas con discapacidade

TerraChaXa
A Deputación inaugura en Vilalba unha mostra sobre a inserción laboral das persoas con discapacidade impulsada en colaboración con Cegasal
exposicion cesagal vilalba casa da cultura discapacidade
5 Xul 2022

A exposición fotográfica, impulsada pola institución provincial en colaboración con Cegasal, poderá verse ata o 12 de xullo na Casa da Cultura do concello chairego.

A Deputación de Lugo inaugurou este martes na Casa da Cultura de Vilalba, a mostra  Cegasal, unha asociación de persoas para as persoas sobre a inserción laboral das persoas con discapacidade. Esta exposición itinerante, impulsada pola institución provincial en colaboración coa Asociación Empresarial Galega de Centros Especiais de Emprego sen Ánimo de Lucro (Cegasal), conta con 24 fotografías realizadas polo fotógrafo coruñés Diego Silva.

O Deputado de Participación Cidadá, Roberto García Pernas, destacou no acto a importancia de iniciativas que “dean visibilidade e poñan en valor o traballo que levan a cabo as persoas con discapacidade nas empresas e o papel das propias empresas, un aspecto moi importante para lograr a súa inclusión plena, en igualdade de condicións, a nivel social e laboral”. Na inauguración tamén participaron a Alcaldesa de Vilalba, Elba Veleiro, e o presidente de CEGASAL, José Antonio Vázquez Freire.

Ata o vindeiro martes, 12 de xullo, a Casa da Cultura de Vilalba acollerá esta exposición, que tamén percorrerá os concellos de Monforte de Lemos, Sarria, Viveiro, Foz e Lugo ata o mes de setembro. Coincidindo coa última parada desta mostra, que terá lugar no Pazo de San Marcos, haberá unha xornada de formación sobre os Centros Especiais de Emprego que será aberta á cidadanía.

“Esta colaboración forma parte da nosa aposta polas políticas sociais, que son xa unha sinal de identidade da Deputación de Lugo. O noso compromiso neste sentido, moitas veces suplindo as responsabilidades doutras administracións, visualízase ben nas cifras dos Orzamentos, dos que dedicamos máis dun terzo, 34M€, a este tipo de accións”, valorou o Deputado.

García Pernas animou á veciñanza a visitar esta exposición, que demostra que “estes traballadores e traballadoras son un exemplo claro de que é posible promover unha cultura empresarial que entenda a diversidade como un activo xerador de valor social e económico”.

Cegasal

Cegasal é unha organización que se constituíu en Galicia en 1997 co obxectivo de fomentar o emprego de calidade para as persoas con discapacidade e risco de exclusión social. Agora mesmo, Cegasal conta con 35 centros especiais de emprego asociados, isto é, empresas de titularidade privada nas que polo menos o 70% do cadro de persoal está conformado por traballadores e traballadoras con discapacidade. No seu conxunto facturan uns 44M€ anuais.

Na provincia de Lugo, Cegasal conta con dous centros especiais de emprego, Grafinco e Produtores de Carne da Ribeira Sacra, que dan emprego a preto dunha vintena de persoas con capacidades diferentes.

0.17150092124939