A Deputación incrementa en 1,6 millóns os investimentos do Orzamento de 2019 na provincia

TerraChaXa | AMariñaXa
O Presidente da Deputación, Darío Campos Conde, informou este martes que o Goberno Provincial levou unha proposta ao Pleno de hoxe para incrementar en 1,6 millóns os investimentos do Orzamento de 2019 na provincia mediante a incorporación de remanentes.
Captura de pantalla 2019 02 26 a las 16.38.22
27 Mar 2019

O Presidente da Deputación, Darío Campos Conde, informou este martes que o Goberno Provincial levou unha proposta ao Pleno de hoxe para incrementar en 1,6 millóns os investimentos do Orzamento de 2019 na provincia mediante a incorporación de remanentes. A proposta, aprobada na sesión plenaria só cos votos dos Deputados do PSOE, supón 100.000 euros para reeditar o Plan de Recuperación de Terras Abandonadas e 1,5 millóns para mellorar servizos públicos nos Concellos en base ás súas necesidades.

Campos Conde explicou que “o Plan de Recuperación de Terras Abandonadas foi todo un éxito, pois máis de 350 gandeiros da provincia recibiron axudas das anteriores convocatorias desta programación e puxeron en produción 2.000 hectáreas que estaban baldías. Os 100.000 euros que destinamos agora permitirán recuperar outras 200 hectáreas, poñendo en valor o noso territorio e contribuíndo á actividade gandeira”.

Sobre os 1,5 millóns de euros de transferencias aos Concellos, o Presidente apuntou que, ao igual que se fixo cos remanentes de 2018, estes fondos destinaranse á mellora de servizos públicos nos municipios, atendendo ás necesidades trasladadas, “que son moitas e que xa nos gustaría poder atendelas a todas”. A única determinada ata o momento é o arranxo do campo de fútbol Pepe Barrera de Ribadeo.

Información pública: destino dos remanentes do ano pasado

A incorporación de remanentes ao Orzamento debe realizarse en Pleno. O destino destes fondos apróbanse en Xunta de Goberno, unha información que é pública e está a disposición de todos os interesados nunha ligazón específica en www.deputacionlugo.gal. Tal e como se pode comprobar, os remanentes do ano pasado destináronse a melloras na Avenida de Outeiro na Pobra do Brollón, na Avenida Álvaro Cunqueiro en Foz, Avenida Ría de Ribadeo neste municipio, nos servizos de auga e alumeado no polígono de Guitiriz, no inmoble anexo á residencia de maiores en Monterroso, en instalacións deportivas en Alfoz, no contorno da praia fluvial de Baralla, no campo de fútbol do Corgo... entre outras moitísimas actuacións, financiadas en municipios da provincia gobernados por distintas formacións políticas.

140.00 euros para o Pepe Barrera de Ribadeo

Dos 1,5 millóns de euros de remanentes para este ano, a única partida comprometida ata o momento é a da mellora do campo de fútbol Pepe Barrera en Ribadeo. E isto é así porque o Presidente mantivo xa varias reunións con representantes da Sociedade Deportiva Ribadeo, Ribadeo Fútbol Club, o Alcalde e outros representantes políticos do municipio, -todos argumentaron a necesidade urxente do seu arranxo- ao igual que coñece de primeira man o proxecto de rehabilitación integral desta infraestrutura. Presentáronllo os propios técnicos, que explicaron que este implica o arranxo do terreo de xogo, dotación de herba natural, dos vestiarios e das gradas. A este encontro cos técnicos tamén estaba convidada á Xunta de Galicia, pero declinou ir.

O custo total do conxunto das actuacións que hai que levar a cabo é de 420.000 euros. Deputación e Concello acordaron achegar 140.000 euros dende cada administración, así como solicitar á administración autonómica, que conta con infinitos fondos públicos máis (9.000 millóns da Xunta fronte aos menos de 90 millóns da Deputación por exemplo), que aporte a mesma cantidade, pois ten previsto destinar tan só 46.000 euros. Deste xeito, financiaríanse a parte iguais (1/3 cada institución: Concello, Deputación e Xunta).

O PP non apoia que a Xunta achegue máis de 46.000 euros ao Pepe Barrela

O Goberno Provincial levou unha moción ao Pleno de hoxe solicitándolle isto á Xunta de Galicia. O PP presentou unha emenda para que Deputación e Concello acheguen aínda máis fondos para que a Xunta manteña a súa “limosna” de 46.000 euros. “Esta emenda é unha burla a todos os veciños. Estanse rindo dos ribadenses. O señor Balseiro foi a manchar os zapatos a Ribadeo para ofrecer unha limosna cando anunciou 1,9 millóns a infraestruturas deportivas da provincia que non vimos”,  destacou o Deputado de Deportes, Pablo Rivera Capón, mentres o PP insistiu na súa “proposta seria, rigorosa e comprometida cos veciños de Ribadeo. Defendemos o compromiso firme do Delegado da Xunta de 46.000 euros”, engadiron os populares. A moción do Goberno da Deputación aprobouse sen o apoio dos Deputados do Partido Popular.

0.11724305152893