A Deputación inicia as obras na estrada provincial entre Lugo, Guntín, Friol e Palas de Rei
A Deputación de Lugo iniciará o vindeiro luns, 26 de agosto, as obras de acondicionamento na estrada provincial LU-P-2901, que conecta Lugo polo Burgo con Palas de Rei.
Cun investimento de preto de 200.000 euros, a institución acometerá importantes traballos de acondicionamento en case 3 quilómetros desta vía, ao seu paso polos concellos de Guntín, Friol e Palas de Rei.
As obras inclúen a reapertura de cunetas, a pavimentación con aglomerado en quente e a renovación da sinalización viaria. Concretamente a institución provincial actuará, no tramo comprendido entre os quilómetros 18,4 e 21,3, e ten un prazo de execución de 2 meses.
Unhas obras que completarán as actuacións de acondicionamento desta vía pola institución, quedando así renovada na súa totalidade cun investimento que supera o millón de euros.
A Deputación actuou recentemente entre os puntos quilométricos 3,340 e 5,400; entre os puntos 5,500 e 13,100; e entre os quilómetros 21,370 e o 25,000.
A renovación total da vía beneficiará a moitos veciños e veciñas xa que esta estrada vertebra a comunicación dos concellos de Lugo e Palas de Rei. Ademais, é unha vía moi empregada polos peregrinos por situarse ao pé do Camiño de Santiago.