A Deputación inviste na mellora do complexo deportivo e a rede de augas de Pol

Pol
TerraChaXa | LugoXa
O presidente, José Tomé Roca, asinou co alcalde polense, Lino Rodríguez Ónega, un acordo para acometer un conxunto de actuacións como o cambio do peche das instalacións e os piares desta infraestrutura.
4 Xan 2024

O presidente, José Tomé Roca, asinou co alcalde polense, Lino Rodríguez Ónega, un acordo para acometer un conxunto de actuacións como o cambio do peche das instalacións e os piares desta infraestrutura.

O presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, e o alcalde de Pol, Lino Rodríguez Ónega, asinaron no Pazo de San Marcos un acordo a través do que a institución provincial destina ao Concello 80.000€ para que poida mellorar o complexo deportivo da localidade e ampliar a rede de abastecemento de auga dos núcleos rurais.

Polo que respecta ao complexo deportivo, grazas a este investimento vanse acometer un conxunto de actuacións no pavillón no peche das instalacións e facer un reforzo estrutural completo, mellorando os piares, para evitar que aparezan fisuras, gretas ou movementos.

A rehabilitación e mellora desta dotación deportiva beneficiará directamente na xente máis nova, pois este pavillón deportivo é o que utilizan os escolares do CEIP Rosalía de Castro de Mosteiro en horario lectivo e é de uso deportivo para actividades extraescolares.

O complexo deportivo conta tamén con campo de fútbol 7 e un campo de fútbol 11, dúas piscinas municipais, pista de baloncesto ao aire libre e unha pista de pádel. Unha aposta do Concello por favorecer a práctica do deporte, por ampliar alternativas para a conciliación familiar e laboral, e por converter a Pol nun centro deportivo de referencia na contorna que dinamice o municipio.

Melloras no abastecemento de auga

Grazas á colaboración económica da Deputación, o Concello tamén poderá mellorar a rede de subministración de auga da liña que abastece Arcos e Bouzoá. En concreto, en Bouzoá, un núcleo que conta con 14 veciños, danse continuas baixadas de presión, provocando que o servizo non sexa todo o eficiente que debera. As obras que se contemplan inclúen unha nova condución de polietileno de alta densidade de 75mm de diámetro exterior, que complemente á existente, tendo en conta que tamén dá servizo a unha explotación gandeira con 40 cabezas de gando.

Pola súa banda, o núcleo de Xerbolés, onde residen 4 veciños, non conta actualmente con subministración de auga, polo que se vai executar ao abeiro desta colaboración que fai a Deputación de Lugo. Neste lugar tamén hai explotacións gandeiras cun total de 35 cabezas de gando, un dato que se ten en conta á hora de dispoñer as obras e calcular o grosor das tubaxes.

O prazo de execución para estas dúas actuacións é de tres meses unha vez comecen as obras. Desta maneira o Concello de Pol ofrecerá un mellor servizo público de traída de auga aos núcleos de poboación do municipio, garantindo un caudal suficiente e de calidade para o seu consumo.

0.16107797622681