A Deputación investirá 3 millóns de euros no desbroce da rede de estradas

RibeiraSacraXa | TerraChaXa | LugoXa | SarriaXa | AMariñaXa
A Xunta de Goberno da Deputación aprobou este venres un investimento de máis de 3 millóns de euros para acometer as tarefas de desbroce dos 4.
8 Mar 2024

A Xunta de Goberno da Deputación aprobou este venres un investimento de máis de 3 millóns de euros para acometer as tarefas de desbroce dos 4.217 quilómetros de estradas provinciais. Así o anunciou a Voceira socialista do Goberno, Pilar García Porto, quen detallou que a licitación do contrato para a prestación do servizo terá unha duración de dous anos, prorrogables por outro.

García Porto subliñou que “a rede viaria da Deputación de Lugo é a máis extensa de toda España e para o seu acondicionamento e mellora destinamos moitos recursos económicos”, lembrando que neste ano 2024 están consignados 20 millóns de euros nos Orzamentos para as estradas provinciais, o que supón un incremento dun 42% no último mandato. Uns recursos destinados a tarefas de mellora, de desbroce, de conservación e de mantemento das vías.

Detallou a Deputada que o contrato para os desbroces cuxa licitación aprobou este venres a Xunta de Goberno está dividido en 24 lotes, correspondentes ás distintas zonas xeográficas da provincia, “para facilitar o desenvolvemento máis áxil e eficiente dos traballos”, engadindo que se trata dunha “tarefa fundamental” coa que a Deputación de Lugo “mellorará a seguridade viaria e a comodidade dos condutores, ademais de favorecer a prevención dos incendios”.

As 24 zonas nas que está dividida a rede provincial para acometer os desbroces son as seguintes.
- Zona 1: O Vicedo, Viveiro, Xove e Ourol.
- Zona 2: Burela, Cervo, Foz, O Valadouro e Alfoz.
- Zona 3: Muras, Xermade e Vilalba.
- Zona 4: Barreiros, Ribadeo, Trabada e Lourenzá.
- Zona 5: Mondoñedo e Abadín.
- Zona 6: A Pontenova, Riotorto e A Pastoriza.
- Zona 7: Cospeito, Rábade, Outeiro de Rei, Guitiriz e Begonte.
- Zona 8: Castro de Rei, Pol e Meira.
- Zona 9: Lugo e Guntín.
- Zona 10: Castroverde e O Corgo.
- Zona 11: Friol.
- Zona 12: Baleira, Baralla e Láncara.
- Zona 13: Ribeira de Piquín e A Fonsagrada.
- Zona 14: Negueira de Muñiz e Navia de Suarna.
- Zona 15: Becerreá e As Nogais.
- Zona 16: Cervantes e Pedrafita do Cebreiro.
- Zona 17: Antas de Ulla, Monterroso, Portomarín e Palas de Rei.
- Zona 18: O Páramo, Paradela e Sarria.
- Zona 19: O Incio, Triacastela e Samos.
- Zona 20: Taboada e O Saviñao.
- Zona 21: Chantada e Carballedo.
- Zona 22: Folgoso do Courel, Quiroga e Ribas de Sil.
- Zona 23: Bóveda, A Pobra do Brollón e Monforte de Lemos.
- Zona 24: Pantón e Sober.

0.20166611671448