A Deputación inviste 1,7 millóns na Granxa Experimental de Castro e infraestruturas de Riotorto, Pol e Castro de Rei

Pol
TerraChaXa
O Presidente, Darío Campos Conde, informou sobre a aprobación na Xunta de Goberno deste venres dun investimento de 2,1 millóns de euros por parte da Deputación para a construción da Granxa Experimental do Campus Terra; dun paseo peonil e viario á zona comercial de Vilar, en Ribadeo; para novas melloras na estrada de Santo Tomé por Adriano e Augaxosa ao Mazo ao seu paso polo municipio de Riotorto e nun treito do cinturón comarcal, que discorre polos Concellos de Pol e Castro de Rei.
Darío Campos, presidente da Deputación.
27 Out 2017

O Presidente, Darío Campos Conde, informou sobre a aprobación na Xunta de Goberno deste venres dun investimento de 2,1 millóns de euros por parte da Deputación para a construción da Granxa Experimental do Campus Terra; dun paseo peonil e viario á zona comercial de Vilar, en Ribadeo; para novas melloras na estrada de Santo Tomé por Adriano e Augaxosa ao Mazo ao seu paso polo municipio de Riotorto e nun treito do cinturón comarcal, que discorre polos Concellos de Pol e Castro de Rei. O Executivo Provincial acordou estas actuacións nunha sesión na que ademais aprobou achegar outros 75.000 euros a bolsas para deportistas lucenses.

1,3 millóns para a Granxa Experimental do Campus Terra: Campos Conde deu conta da aprobación deste venres do convenio de colaboración entre a Deputación e a USC para a construción da Granxa Experimental do Campus Terras nas instalacións da Granxa Gayoso Castro. O Goberno achega a este proxecto 670.000 euros, partida que xa está incluída no orzamento deste ano, e outros 634.000 euros do presuposto de 2018, investindo 1,3 millóns. A USC destina outros 700.000 euros. O Goberno da Deputación iniciará a contratación deste proxecto, dotado duns 2 millóns, nas vindeiras semanas.

É unha iniciativa totalmente pioneira na provincia, pois implica a dotación dunhas instalacións públicas ao servizo do Campus Terra, especialmente da Escola Politécnica Superior e da Facultade de Veterinaria, para o desenvolvemento de actividades docentes e proxectos de investigación no sistema de produción leiteira, que revertan na mellora da competitividade das explotacións lácteas.
A Granxa Experimental do Campus Terra terá como obxectivo avanzar na redución dos custos de produción do leite, así como na automatización e na incorporación das novas tecnoloxías a este proceso, combatendo, deste xeito, uns dos principais problemas que sofre o sector lácteo: os baixos prezos do leite, así como a falta de man de obra e calidade de vida dos seus profesionais.

Situarase nun nova nave, que se vai a construír, nunha finca de 15.500 metros cadrados da Granxa Gayoso Castro, que actualmente está sen uso e a carón de máis terreos para as cabezas de gando. Terá capacidade para 70 vacas produtoras de vacún de leite, contará cun robot de muxido, cun centro de recepción de visitas onde se incluirá unha aula de actividades docentes, de formación e de divulgación, así como un laboratorio para actividades investigadoras. Tamén se habilitará unha nave que acolla a alimentación do gando, silos con capacidades para almacenar as necesidades da explotación ou un espazo totalmente pechado no que se gardará a maquinaria.

Estará en funcionamento no 2018, pois é cando terá lugar a visita a Lugo da Comisión da European Association of Establishments for Veterinary Education (EAEVE) para renovar a acreditación internacional coa que actualmente conta a Facultade de Veterinaria.

155.000 euros para mellorar a estrada de Santo Tomé por Adriano e Augaxosa ao Mazo ao seu paso polo municipio de Riotorto: Campos Conde informou sobre o inicio do proceso de contratación con 155.500 euros de novas melloras nesta vía, tras arranxar con outros 260.000 euros o treito que discorre polo Concello de Lourenzá. As novas obras levaranse a cabo en 2 quilómetros e consiste na mellora do firme con aglomerado en quente e no incremento das medidas de seguridade.

250.000 euros para mellorar un treito de 5 quilómetros no cinturón comarcal, que discorre por Pol e Castro e Rei: O Presidente avanzou a contratación destas obras na LU-P-1611 que enlaza coa N-640. As actuacións, que se levarán a cabo dende o punto quilométrico 99 ao 104, inclúen o aglomerado en quente e o incremento da seguridade.

Tamén se investirán 380.000 euros na construción dun paseo peonil e viario á zona comercial de Vilar, en Ribadeo. O Presidente deu conta do investimento de 380.000 euros que destina a Deputación á urbanización e humanización da avenida ría de Ribadeo. O Concello achegará outros 131.600 euros. Este proxecto, de máis de 500.000 euros, inclúe a dotación dun paseo peonil dende o centro urbano (Avenida das Américas) á Avenida Ría de Ribadeo (zona comercial de Vilar); así como a mellora do acceso viario no treito da antiga N-634 que agora é de titularidade municipal. Para a humanización da zona, habilitaranse beirarrúas, aparcamentos e zonas verdes. Tamén se substituirán as torres de media tensión para soterralas e completarase a rede de abastecemento de auga e sumidoiros.

0.19304084777832