A Deputación inviste 1,7 millóns no firme da estrada entre Veiga de Cabana e As Pontes
O presidente da Deputación da Coruña e alcalde das Pontes, Valentín González Formoso, acompañado do concelleiro de Obras da localidade, Roberto Rivera, visitou as obras que se están a executar na estrada provincial DP 1802 de Veiga de Cabana ás Pontes
Os traballos supoñen un investimento de 1,7 millóns euros, un dos maiores de cantos se están realizando na rede de estradas provincial, para a renovación integral do firme ao longo de todo o vial, que foi ampliado en 2022, incrementando o seu ancho de 5 a 8 metros, o que permite agora o cruce de dous vehículos en condicións de seguridade.
As obras van desde o inicio do vial, no entronque coa estrada AC-664, ata o punto quilométrico 9+200, atravesando os núcleos de Goente, A Faeira, San Pedro do Eume, Ribadeume e As Pontes.
Formoso destacou que este importante investimento, acometido en varias fases para a mellora integral da estrada, "contribuirá notablemente á mellora da seguridade vial, vertebración das comunicacións do municipio e tamén á fixación de poboación e o desenvolvemento económico da zona, xa que a estrada da servizo a distintas explotacións forestais e gandeiras existentes".
Con este novo investimento acometarse o reforzo do firme, reparando os desperfectos superficiais existentes, e a dotación de dúas capas de mestura bituminosa en quente, unha capa de regularización de mestura asfáltica tipo AC 16 Surf, rematando cunha nova capa de rodaxe de catro centímetros de espesor, o que mellorará notablemente as condicións de seguridade de circulación no vial.
O proxecto inclúe tamén o pintado das marcas viais da estrada, tanto no eixe como nas bandas laterais da calzada. Prevese que a obra estea rematada ao longo do vindeiro mes de xullo.