A Deputación inviste 5,2 millóns de euros en servizos para a provincia
A Xunta de Goberno aprobou o investimento de 5,2 millóns euros na dotación ou mellora de servizos públicos en 31 concellos. Os cartos destinaranse á residencia pública de Becerreá e ao arranxo de 8 estradas provinciais, 28 accesos viarios, o campo de fútbol A Medela de Taboada, 9 traídas de auga, 5 locais sociais, así como á compra de maquinaria para o parque móbil de Negueira de Muñiz. A maiores, resolvéronse axudas de 288.000 euros a colectivos culturais de toda a provincia, que permitirán o desenvolvemento dun total de 278 actividades neste eido no rural lugués.
Acordouse a contratación con 3,4 millóns de euros das obras de construción da residencia pública de Becerreá. Acadouse un aforro de 1,4 millóns na adxudicación destes traballos, que poderán iniciarse nas vindeiras semanas.
Destínase 1 millón ao arranxo de 16 quilómetros das seguintes 8 estradas provinciais: LU-P-2801 de Santo Tomé por San Adriano e Augaxosa a Arroxo, LU-P-2803 de Santo Tomé a Lindín e LU-P-2805 de Santo Tomé a Santa María Maior, en Lourenzá; LU-P-0705 dende a LU-722 por Vilamane e Seivane a Tucende, en Becerreá; LU-P-3003 de Meira por Leiras á N-640 e LU-P-3005 de Couso a Vilar de Carota, en Meira; LU-P-4806 da N-640 en Vilaxe por Galegos e Vilar de Corota a Ribeira de Piquín, en Ribeira de Piquín; e LU-P-1611 (cinturón comarcal) ao por Castroverde. Son actuacións enmarcadas no Plan de Mellora de Estradas Provinciais nos 67 Concellos da provincia a través do crédito de 15 millóns de euros.
A Xunta de Goberno acordou achegar case 500.000 euros á mellora de accesos viarios a 28 núcleos rurais de Friol, Cervantes, Navia de Suarna, Pedrafita do Cebreiro, Trabada, As Nogais, O Incio, Chantada, Foz, Guntín, Bóveda, Triacastela, Pol, A Fonsagrada, Láncara, O Corgo, Castroverde, Lugo, A Pastoriza, O Vicedo, Riotorto, Portomarín, Negueira de Muñiz, A Pontenova e Ribas de Sil.
Achéganse 170.000 euros á mellora do campo de fútbol A Medela de Taboada.
Destínanse 125.000 euros á mellora de 9 traídas de auga doutros tantos núcleos rurais de Baleira, Riotorto, Friol, Portomarín, Negueira de Muñiz, Cervantes, A Pontenova, Ribas do Sil e Pol.
Outros 30.000 euros son para compra de maquinaria dirixida ao reforzo do parque móbil do Concello de Negueira de Muñiz.
Invístense 27.000 euros no arranxo de 5 locais sociais de núcleos rurais de Cervantes, Lugo, A Pastoriza, Pantón e O Vicedo.
Campos Conde explicou que a maiores destas actuación de 5,1 millóns para a dotación e mellora de servizos públicos en 31 Concellos; o Executivo da Deputación aprobou na Xunta de Goberno a resolución de axudas culturais de concorrencia competitiva por valor de 288.000 euros para o desenvolvemento dun total de 278 actividades no rural lugués a través do tecido asociativa da provincia.