A Deputación inviste 900.000 euros en estradas de varios concellos das comarcas de Terra Chá e Lugo

A Xunta de Goberno da Deputación aprobou un investimento conxunto de máis de 900.000 euros para mellorar tres estradas provinciais ao seu paso polos concellos de Pastoriza, Outeiro de Rei, Begonte, O Corgo e acondicionar infraestruturas en Guitiriz.
Así, licitouse por 53.545,57 euros as obras para acondicionar un treito da LU-P-3006, a vía que une Meira con Pastoriza por Fonmiñá. Con este proxecto arranxarase un tramo de algo máis de 800 metros -do punto quilométrico 1,120 ao 1,935-. García Porto resaltou a importancia desta vía “porque vai desde o núcleo meirense da Pena ata a LU-122. Ademais dá servizo a explotacións gandeiras, conecta directamente co polígono industrial de Meira, no que se atopan establecementos hostaleiros e diferentes negocios, e dá acceso ao centro de saúde do municipio”.
As obras que se van acometer son a reapertura de cunetas, a pavimentación do firme con aglomerado en quente e o repintado da vía mediante marcas reflexivas brancas. Unha vez se inicien os traballos o prazo de execución será de 3 meses.
Tamén quedou licitado por 754.307,53 euros un proxecto para mellorar tres tramos do cinto comarcal que afectan aos concellos de Outeiro de Rei, Begonte e O Corgo. Os treitos que se van arranxar son algo máis de cinco quilómetros á altura do límite municipal entre Outeiro de Rei e Begonte; case un quilómetro no concello do Corgo, preto do límite con Castro de Rei, e tamén no Corgo, preto doutro quilómetro no Alto de Gomeán.
Os traballos que se van acometer consisten na reapertura de cunetas, a pavimentación do firme con aglomerado en quente, o repintado da vía e a reposición de sinais verticais. Unha vez se inicien as obras o prazo de execución será de 3 meses.
A voceira socialista, Pilar García Porto, anunciou tamén a adxudicación ao Grupo Bascuas, por 92.439,05 euros, das obras para a instalación do alumeado e a ampliación da zona de aparcamento da LU-P-2304, a estrada que comunica o núcleo urbano coa área recreativa Sete Muíños, no concello de Guitiriz.
Estes traballos terán un prazo de execución de dous meses e medio e consistirán na reparación da explanada para o aparcamento, na execución da drenaxe, no estendido do firme e no pintado das marcas viais. Ademais, tamén se executará a canalización, cimentación e colocación das luminarias. García Porto recordou que “esta actuación súmase ao proxecto que xa realizamos desde a institución provincial para rehabilitar o firme e a senda peonil e no que investimos máis de 100.000 euros”.