A Deputación inviste en tres convenios para impulsar obras en Meira, Cervantes e Ribeira de Piquín
A Xunta de Goberno da Deputación de Lugo aprobou tres investimentos por importe de 541.000 euros para continuar mellorando as infraestruturas da provincia e dotar de máis e mellores servizos á veciñanza. Así o anunciou o deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera Capón, que explicou que entre outras cuestións deuse luz verde a tres convenios de colaboración por un importe conxunto de case 336.000 euros para os concellos de Meira e Cervantes e a Fundación Terreo en Ribeira de Piquín.
No caso de Meira, o acordo de colaboración coa institución provincial ascende a case 130.000 euros para realizar obras de mellora no local municipal Cabanón, situado na praza do convento do municipio. O proxecto inclúe o acondicionamento integral deste edificio no que se realizan diferentes actividades lúdicas, culturais e deportivas. A Deputación achega preto do 94% (121.527,56 euros) e o Concello o 6% restante (6.655).
“Esta actuación beneficiará directamente aos veciños e veciñas de Meira, pois grazas a estas obras optimizarase o confort da instalación e garantirase que o espazo sexa máis acolledor e accesible para desenvolver diversas iniciativas”, destacou Pablo Rivera.
Tamén se lle deu o visto bo a un convenio de colaboración co Concello de Cervantes por un importe total de case 96.000 euros. Este acordo permitirá acometer melloras de abastecemento de auga na aldea de Piornedo e no núcleo de Vilarguite, na parroquia de Vilapún. O importe que destina a institución provincial representa o 95% do orzamento total (91.097,10), mentres que o Concello asume o 5% restante (4.794,58).
Nesta liña, Pablo Rivera recalcou que “a día de hoxe, estas zonas non contan con rede de abastecemento municipal e a traída privada que dá servizo á veciñanza presenta numerosas deficiencias e escaseza de auga en períodos estivais. Con este acordo dotarase a ámbolos dous núcleos de abastecemento de auga potable e realizaranse os correspondentes traballos de captación necesarios para facelo posible”.
A Deputación tamén aprobou un convenio coa Fundación Terreo, de Ribeira de Piquín, a través do cal a institución provincial achega 110.000 euros para a posta en funcionamento dunha gasolineira situada no núcleo de Barcia desta localidade.
“Trátase dun proxecto que, non só dotará de máis servizos a esta localidade, senón que tamén creará emprego e dinamizará a actividade económica do noso rural, unha cuestión fundamental para poder fixar poboación no territorio”. O deputado remarcou que “con esta achega” a Deputación continua colaboración coa Fundación Terreo e sinalou que “o orzamento vaise dividir en dúas anualidades e permitirá entre outras cuestións: alugar as instalacións, adaptalas á normativa vixente e contratar a xornada completa o persoal necesario para atender este servizo”.