A Deputación inviste na comarca da Terra Chá máis de 3,7M€ a través do Plan Único

TerraChaXa
Os concellos de Abadín, Begonte, Castro de Rei, Cospeito, Guitiriz, Meira, Muras, A Pastoriza, Pol, Xermade e Vilalba percibirán estes fondos.
equipo goberno deputacion
10 Xan 2022

Os concellos de Abadín, Begonte, Castro de Rei, Cospeito, Guitiriz, Meira, Muras, A Pastoriza, Pol, Xermade e Vilalba percibirán estes fondos para manter e mellorar os servizos públicos e infraestruturas, fomentar o emprego, e tamén para impulsar o tecido produtivo e asociativo municipal. Como novidade, a Deputación simplifica a tramitación aos concellos, que só deberán enviar a documentación que acredite e xustifique debidamente as actuacións realizadas, eliminando prazos intermedios.

A Deputación de Lugo investirá máis de 3,7 millóns de euros nos concellos da Terra Cha a través do Plan Único 2022, ao que o Goberno destinou no conxunto da provincia unha dotación económica de 21,5M€. As bases xa foron aprobadas no Pleno de decembro e neste mes de xaneiro abrirase o prazo para que cada entidade local poida solicitar os investimentos e accións a financiar con estes fondos provinciais.

O presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, explicou que os concellos de Abadín, Begonte, Castro de Rei, Cospeito, Guitiriz, Meira, Muras, A Pastoriza, Pol, Xermade e Vilalba percibirán “máis de 3,7M€ para o mantemento e mellora de servizos públicos e infraestruturas, para fomentar o emprego, e tamén para axudarlles a impulsar o tecido produtivo e asociativo municipal”.  Os gobernos locais poderán solicitar as vindeiras semanas os investimentos e accións que considera máis relevantes para adxudicar estes fondos provinciais.

Tomé Roca subliñou que “dentro do noso compromiso de máxima cooperación cos concellos, cada ano tratamos de incorporar melloras no Plan Único, sempre pensadas para facilitarlles a planificación e a xestión dos investimentos e para que estes fondos sirvan da mellor maneira posible para atender as necesidades dos seus veciños e veciñas”.

Este ano, como novidade, a Deputación simplifica a tramitación aos concellos, que só deberán enviar a documentación que acredite e xustifique debidamente as actuacións realizadas, eliminando prazos intermedios

O presidente destacou así mesmo que, “por segundo ano consecutivo dende que existe este programa provincial de investimentos, as bases foron aprobadas no ano anterior ao seu período de vixencia”. “Trátase dun fito moi importante para os concellos, porque lles permite traballar con moita maior previsión, poden empezar as obras nos meses de primavera e verán, a época máis axeitada para facelo, e tamén terán máis tempo para executar as actuacións que financian con cargo ao Plan Único”, explicou Tomé Roca.

Ademais, os concellos poderán imputar os gastos de contratación de persoal dende primeiros deste ano ao abeiro do Plan Único 2022, o que favorecerá a creación de postos de traballo.

A Deputación de Lugo aplica criterios que son públicos e obxectivos para a distribución dos fondos, como a poboación, a superficie, a dispersión territorial e a taxa de envellecemento. Ademais, fixa un máximo de 500.000€ para os concellos de máis habitantes e de 200.000€ para os concellos que teñen menos.

0.11586403846741