A Deputación inviste na mellora da rúa Jesús Redondo Candal de Outeiro de Rei

TerraChaXa
O presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, e o alcalde de Outeiro de Rei, José Pardo Lombao, asinaron no Pazo de San Marcos un convenio de colaboración para a mellora da rúa Jesús Redondo Candal para a ordenación da mobilidade no casco urbano do municipio.
1
12 Ago 2020

O presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, e o alcalde de Outeiro de Rei, José Pardo Lombao, asinaron no Pazo de San Marcos un convenio de colaboración para a mellora da rúa Jesús Redondo Candal para a ordenación da mobilidade no casco urbano do municipio. Os custes desta obra suporán máis de 48.000 euros, dos que a institución provincial achega 28.441 euros e o Concello a cantidade restante.

Con esta sinatura, a Deputación dá luz verde á solicitude do Concello de investir os remanentes doutro convenio asinado no mes de decembro entre ambas institucións por un importe de 175.000 euros para acometer actuacións urbanísticas. Consistiron na apertura dun tramo viario no casco urbano, entre a rúa do Concello, que vertebra a localidade, e a denominada rúa C, unha zona residencial de nova creación. Agora con esta modificación do convenio, a Deputación contribúe  a seguir mellorando as conexións viarias en Outeiro de Rei.

Con esta obra completarase a urbanización dun tramo viario utilizado para o tráfico rodado e para os peóns co fin de garantir a accesibilidade e a supresión de barreiras arquitectónicas, facéndoa deste modo máis segura. As obras que se levarán a cabo son as seguintes: rematarase o tramo viario segundo marca o proxecto polo que se construirá unha beirarrúa a un lado de dous metros de ancho e a colocación do bordo, acondicionaranse diferentes pasos accesibles, e asfaltarase a vía, ademais de pintar os carrís de circulación, liña de aparcamento e pasos de peóns, e executarase a canalización de saneamento pluviais, rede telefónica e alumado público.

0.16503381729126