A Deputación inviste na mellora do Centro Sociocultural de Meira
A Xunta de Goberno da Deputación de Lugo aprobou este venres un convenio de colaboración a través do que a institución provincial aporta preto de 46.500€ ao Concello de Meira para que poida acometer a reparación e mellora do Centro Sociocultural da vila, tal e como explicou a Voceira socialista do Goberno, Pilar García Porto.
A Deputada detallou que esta colaboración “é unha nova mostra da política que facemos na Deputación de Lugo. Unha política de máxima cooperación cos 67 concellos da provincia de Lugo para que poidan ofrecer máis e mellores servizos públicos ós seus veciños, sobre todo do noso rural”.
As obras servirán para eliminar as filtracións que se producen a través do lucernario sobre a escaleira e das fachadas do edificio, o que permitirá acabar cos desprendementos da fronte principal cara a rúa. Para iso, procederase ao revestimento da fachada principal con paneis de aluminio branco illado, o que, ademais de eliminar as filtracións, mellorará o aspecto do inmoble. Os traballos concluirán co reparado de pequenas fisuras e fallos do soporte para poder repintar as zonas danadas.
“O investimento que achegamos dende a institución provincial representa o 95% total do orzamento necesario para acometer este proxecto, mentres que o 5% restante apórtao o propio Concello”, sinalou a Deputada.
Reservas da Biosfera
Por outra banda, a Xunta de Goberno aprobou encargar á empresa pública TRAGSA, como medio propio da Deputación, a execución dos proxectos que acometerá nos 29 concellos da provincia que forman parte das Reservas da Biosfera Terras do Miño e os Ancares Lucenses grazas ao investimento de 1M€ que conseguiu da Unión Europea, a través do Plan de recuperación, Transformación e Resiliencia habilitado polo Goberno do Estado.
Con estes fondos europeos a institución provincial sacará adiante un total de 27 actuacións para impulsar o desenvolvemento social e económico sostible destas dúas Reservas, que son xestionadas dende a Deputación de Lugo. A Deputada lembrou algunhas medidas como a mellora do teiteado das pallozas do Piornedo, en Cervantes, con palla de centeo; un proxecto de mellora dos soutos dos Ancares, co que se dá continuidade ao programa de recuperación e posta en valor de plantacións de castaños da Reserva que foi premiado na Copa España Creativa, ou a mellora e sinalización de patrimonio cultural e recursos turísticos, como a Vía Romana XIX; o Castro de Santa María, en Becerreá; ou as Mámoas de Oural, Pena dos Mouros ou de Restelo, entre outros.
Entre estes proxectos tamén está a mellora na contorna da Lagoa de Caque, das Insuas do Miño, de Ollos de Begonte e de diferentes tramos fluviais, ou a execución dun proxecto museolóxico e museográfico no Mazo de Santa Comba, en Lugo, para a mellora da cartelería e a instalación de novos paneis, así como a reparación de solos e muros.
“Con todos estes proxectos fortalecemos a nosa acción política para impulsar o rural e o sector primario e turístico dunha maneira sostible, axustándonos aos criterios da UNESCO establecidos no seu Programa Home e Biosfera, que conxuga a necesaria preservación das contornas naturais co desenvolvemento social e económico do territorio”, explicou a voceira socialista.
Grupos de Emerxencias Supramunicipais
A Xunta de Goberno aprobou a renovación, por un ano, do convenio de colaboración para que os concellos poidan manter os Grupos de Emerxencias Supramunicipais (GES). A Deputación fará no ano 2023 unha aportación económica de 864.000€, o que supón 80.000 euros máis que nesta anualidade do 2022 polo aumento dos gastos dos cinco GES da provincia.