A Deputación inviste na recuperación da Campa do Plantío de Meira

TerraChaXa
A Deputación destina 288.000€ para converter a Campa do Plantío de Meira nun espazo polivalente para a celebración de todo tipo de actos.
tome e antonio de dios deputacion
27 Xuño 2021

O presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, e o alcalde de Meira, Antonio de Dios Álvarez, asinaron no Pazo de San Marcos un convenio a través do que a institución provincial destina 288.000€ para o acondicionamento da Campa do Plantío, uns terreos que servirán para dotar a este concello dun espazo polivalente para a celebración de todo tipo de actos, axudando a liberar o casco urbano do municipio.

“Esta é unha actuación moi importante para Meira, que non ten un espazo habilitado para celebrar os grandes eventos como a Feira de Exposicións ou a Festa da Xuventude, por exemplo”, sinalou o presidente. Así mesmo, crearanse neste lugar 250 prazas de aparcamento, que actualmente son moi necesarias para dar resposta ás necesidades que hai na localidade.

“Será unha zona cerrada que tamén servirá para instalar a Unidade Móbil da ITV, que na actualidade utiliza a rúa Fray Vidal, cortando a circulación, ou a praza do Concello e a do Convento Cisterciense, coa incomodidade que supón para os veciños e as veciñas do municipio”, sinalou o Presidente, quen enmarcou este investimento provincial no compromiso da Deputación coa cooperación cos concellos da provincia para que poidan dotar de máis e mellores servizos públicos á veciñanza. Así mesmo, distinguirase unha zona deportiva e para autocaravanas.

O acondicionamento da Campa do Plantío, que contará cunha achega total da Deputación de Lugo de 288.000€ dividida en tres anualidades, contempla formigonar unha explanada dunhas dimensións de 48x85 metros na parte máis elevada do terreo, prolongando así a rúa dos Colexios, dende o cruce coa rúa Fray Vidal, xusto en fronte do Centro de Atención a Maiores da Deputación.

O proxecto inclúe dotar a estes terreos de zonas de acceso peonil, iluminación, plantación de árbores e un peche de madeira para integrar a obra na contorna.

0.25607991218567