A Deputación inviste no arranxo da estrada que une Bravos con San Pantaleón
A Deputación de Lugo rehabilitará con 95.000 euros a estrada LU-P-3807, que une Bravos e San Pantaleón por Foxo, no Concello de Ourol. Así o informou este venres o Presidente da institución provincial, José Tomé Roca, e máximo responsable da área de Xestión Territorial, tras aprobar a Xunta de Goberno a adxudicación destas obras.
O mandatario provincial explicou que ditas actuacións no concello de Ourol súmanse as xa aprobadas en anteriores Xuntas de Goberno para a rehabilitación de 3 estradas provinciais do municipio con outros 300.000 euros . “En total, achegamos nas últimas semanas case 400.000 euros na reparación e acondicionamento de vías neste concello mariñán”, subliñou Tomé Roca.
O Presidente explicou que os traballados adxudicados este venres son moi importantes, ao tratarse da vía máis rápida que teñen os veciños e veciñas da parroquia de San Pantaleón para chegar a Ourol e Viveiro. Terán lugar nun treito de máis de 7 quilómetros, entre os puntos quilométricos 0,630 e 7,950, e consistirán no acondicionamento da vía e na reposición de liñas e marcas viarias reflexivas brancas. O prazo de execución é de 9 meses.
Melloras en 3 vías do municipio
Así mesmo, a Deputación ten aprobada a licitación de obras de rehabilitación de firmes en 3 estradas provinciais de Ourol cun orzamento de 300.000 euros e un prazo de execución de 6 meses. Por un lado, mellorarase a LU-P-6602, que vai de Rúa Nova a Muras, e que dá servizo á veciñanza que ten gando na Serra do Xistral e tamén ás empresas que realizan o mantemento dos parques eólicos da zona. Neste caso vaise arranxar medio quilómetro, dende o punto 18,550 ata o 19,095.
Neste concello, tamén se vai arranxar a LU-P-3805, que une os núcleos Sixto con Campo do Foxo, en dous tramos: o que vai do quilómetro 0 ata o 1 e do 11,240 ao 14,917. Esta vía provincial comunica as parroquias de Bravos, Ambosores e Sixto.
A terceira estrada na que se licitan obras en Ourol é a LU-P-6406, que vai dende Cristo da Portapena ata Ponte Segade. Neste caso, son os 200 primeiros metros de estrada, que presenta desperfectos.