A Deputación inviste nun ano 940.000 euros en Abadín para infraestruturas, dotacións públicas e servizos sociais
O presidente da Deputación, Darío Campos Conde, xunto ao alcalde de Abadín, José María López Rancaño, e outros membros da corporación municipal informou este luns sobre o investimento de 940.000 euros, que o Executivo Provincial achegou a este municipio para o impulso de dotacións públicas e infraestruturas, así como a xeración de emprego e a mellora dos servizos sociais dos 2.500 veciños deste municipio. Foron 627.000 euros do orzamento de 2016 e 311.000 os destinados, polo de agora, do presuposto deste ano.
Para melloras en infraestruturas, o Executivo Provincial levou nun ano a Abadín 635.899 euros. Campos Conde e López Rancaño supervisaron os traballos, xa rematados, para acondicionar os accesos de Torre, Samordás e Asperón, beneficiando aos 50 veciños destas zonas. As seguintes actuacións serán en 17 núcleos rurais: Pumariño, Bouza de Medas, Toxeiro, Outeiro, Cabo De Vila, Casavella, Castiñeira, Butarreira, Cornello, Fonte do Mouro, a Graña, Gaúte, Vilar de Gaúte, Capuchisos, Espiñarcao e As Xunqueiras.
Nas vindeiras semanas comezarán as obras de arranxo da estrada LU-P-0102 de Moncelos a Carrizal con 370.000 euros (incluídos no orzamento de infraestruturas). Trátase dun treito de 900 metros, que vai dende o punto quilométrico 2.800 ao 3.700, co que o Goberno da Deputación finaliza o acondicionamento da totalidade desta vía.
Os traballos consistirán na limpeza e acondicionamento das cunetas, mellora do firme con aglomerado en quente, sinalización horizontal e vertical e pintado integral, entre outras labores.
Campos Conde subliñou que “con estas melloras, a LU-P-0102 quedará completamente renovada, co fin de garantir a seguridade das ducias de vehículos que transitan por esta estrada provincia, ao tempo que melloramos as comunicacións entre os Concellos da Pastoriza e Abadín, beneficiando directamente aos máis de 5.500 veciños”.
Novas dotacións públicas
Son outros 70.000 euros os que o Goberno da Deputación achega á mellora da rede de alumeado público e ao acondicionamento da Casa Consistorial e centros sociais da vila. En concreto, financiou con 26.000 euros a instalación de 13 puntos de luz LED, dende a autovía A-8 ao casco urbano de Abadín, beneficiando directamente aos máis de 100 veciños que viven nesta zona. Con outros 6.000 euros, o Executivo Provincial acondicionou as instalacións do Centro Social da parroquia da Graña. Campos Conde avanzou que as seguintes actuacións se levarán á Casa Consistorial, cun investimento de 32.000 euros.
13 novos empregos
O rexedor provincial avanzou que “nun ano investimos no Concello de Abadín máis de 170.000 euros, cos que xeramos un total de 13 postos de traballo, 4 no 2016 e 9 este ano”. Estes novos empregos creáronse a través do DepuEmprego e o Ben Empregado, cos que o Goberno da Deputación asume os custos laborais de novos profesionais, que traballan en empresas da zona e no propio Concello, reforzando os servizos públicos municipais. Por exemplo, a través do DepuEmprego contratáronse a tres peóns de servizos múltiples.
Atención profesional nun ano a 58 maiores
O Goberno da Deputación destinou nun ano 54.000 euros á xeración de 99 prazas de Servizo a domicilio para non dependentes e Teleasistencia gratuíta porque a Xunta non ofrece estas prestacións. Actualmente, este investimento permite a contratación de asistentes sociais, que prestan máis de 4.500 horas de atención a 58 maiores de Abadín á espera de novas altas este ano.
Dinamización económica e social
O Goberno da Deputación achegou máis de 5.000 euros ao Concello de Abadín para a realización de actividades lúdico-culturais e deportivas durante todo o ano, como por exemplo para fomentar a lectura na biblioteca municipal ou para actividades nas escolas deportivas municipais.