A Deputación licita as obras de mellora da estrada que comunica A Gañidoira co Viveiró, en Muras

A Xunta de Goberno da Deputación de Lugo aprobou este venres un investimento de 1 millón de euros para mellorar outras catro estradas provinciais ao seu paso por Barreiros, O Corgo, O Páramo, Muras e A Fonsagrada. Así o informou a voceira socialista do Goberno, Pilar García Porto, tras a reunión semanal que tivo lugar pola mañá no Pazo de San Marcos. “Son catro vías cunha función clave para vertebrar o territorio”, valorou.
Estradas que segundo confirmou Porto “discorren por zonas rurais e áreas con baixa densidade de poboación, o que significa que son esenciais na mobilidade diaria da veciñanza; clave no acceso a servizos básicos; e imprescindibles para actividades económicas agrarias, forestais e turísticas”.
Na comarca da Terra Chá, quedaron licitadas unhas obras en Muras para mellorar case catro quilómetros ao final do trazado da LU-P-3402, que comunica A Gañidoira e O Viveiró.
As obras afectarán a unha zona da vía que está rodeada de canteiras -entre os puntos quilométricos 2,9 e 6,1-, polo que o firme sofre o tráfico pesado de camións que traballan na extracción de granito entre estas dúas parroquias. O orzamento deste proxecto será de 238.018,35 euros para, nun prazo de catro meses, abrir as cunetas, pavimentar con aglomerado en quente e pintar a vía.
Recordou a deputada que a institución provincial xa completou a contratación das melloras do tramo anterior desta vía cun orzamento de máis 250.000 euros. Polo que a Deputación mellorará completamente a LU-P-3402 con preto de medio millón de euros de investimento.
Tres vías en Meira
A Xunta de Goberno adxudicou tamén, por máis de 221.397,2 euros, á empresa Construcciones Carballeira SL o proxecto de mellora de tres estradas provinciais ao seu paso por Meira. Son en concreto: a LU-P-3003, que conecta a vila de Meira coa N-640 por Leiras, unha vía que se renovará na súa totalidade; a LU-P-3005, de Couso a Vilar de Corota, que tamén se mellorará completa; e a LU-P-4806, que conecta Vilaxe por Galegos e Ribeira de Piquín, que mellorarase en todo o trazado ó largo do municipio (6 quilómetros).
O prazo de execución destas obras será de mes e medio. E tamén será neste caso unha actuación relevante, porque gracias a este proxecto melloraremos a metade das vías provinciais que percorren este concello, impactando significativamente na mobilidade no municipio de Meira.