A Deputación mellora o servizo do Parque Móbil cun investimento de 182.000 euros
A Xunta de Goberno aprobou a adxudicación do subministro de 12 vehículos para o Parque Móbil: 9 turismos e 3 todo camiño, que estarán destinados principalmente aos traballos relacionados coa vixilancia e mantemento da rede viaria provincial. A Deputación, segundo explicou a voceira socialista do Goberno, Pilar García Porto, continúa deste xeito coa renovación da flota substituíndo os vehículos obsoletos (con máis de 10 anos), cun elevado número de quilómetros (máis de 300.000) e de baixo rendemento co fin de ofrecer “un servizo máis eficiente e de calidade á cidadanía a través dun dos máis importantes instrumentos de cooperación cos concellos como é o Parque Móbil”.
A empresa adxudicataria deste contrato é Eupraxia IT Services S.L. e o importe que pagará a Deputación achégase aos 181.800 euros. O prezo íntegro dos vehículos é de 200.700 euros, pero a empresa aboará preto de 19.000 euros á entidade provincial pola entrega dos 12 vehículos usados. A adquisición destes novos coches súmase aos 5 xa incorporados este ano, neste caso eléctricos.
Despois de adxudicar na Xunta de Goberno da semana pasada practicamente a metade dos 24 lotes nos que está dividido o contrato do servizo de desbroce das estradas provinciais, hoxe avanzouse no proceso coa adxudicación do lote correspondente á rede viaria dos municipios do Incio, Triacastela e Samos. A empresa que acometerá os traballos é Excavaciones Goni SL e o importe ascende a 71.123,69 euros polas dúas anualidades de vigor do contrato (2019 e 2020).
Así, a día de hoxe, quedan tres lotes por adxudicar: Mondoñedo e Abadín porque falta concluír o proceso de contratación; e Negueira de Muñiz e Navia de Suarna, e Bóveda, A Pobra do Brollón e Monforte de Lemos, por renuncia da adxudicataria, o que alonga o procedemento.
Obras en estradas por 630.000 euros
En relación tamén coa área de Xestión Territorial, que dirixe directamente o Presidente, José Tomé, aprobáronse os plans de seguridade e saúde no traballo para a execución de obras de rehabilitación do firme de 6 estradas nos concellos de Cervantes, Trabada, O Saviñao e Sarria, proxectos cun orzamento total de 638.000 euros. Este é o último trámite administrativo previo ao inicio dos traballos.
En concreto, as obras acometeranse nas seguintes estradas:
- LU P 1402 San Martiño da Ribeira-Quindous-Vilaquinte (qms. 6,760-8,750) e LU P 1408 Fonquente-Noceda (qms. 0,000-2,000). Cervantes.
- LU P 5506 Augaxosa – Trabada (qms. 4,220-7,220). Trabada.
- LU P 4202 Pacios-Aldosende-Currelos (qms. 22,150-25,410). O Saviñao.
- LU P 5602 Samos-Pintín-Sarria (qms. 15,480-17,495) e LU P 5702 Pedrafita-Sabadelle-Vilanova de San Vicente de Froián (qms. 0,000-2,611). Sarria.
A Xunta de Goberno acordou así mesmo licitar o preceptivo servizo de control de calidade das obras e servizos da Deputación para este ano e o seguinte, cun orzamento base de licitación total de 234.000 euros. O contrato divídese en tres lotes: Unidade de Proxectos, Vías e Obras e Parque Móbil.
Por outra banda, aprobouse o orzamento definitivo, en función dunha memoria técnica valorada, das obras de emerxencia que acometeu a Deputación no cinto comarcal do Corgo, á altura da ponte do río Maceda, para garantir a seguridade viaria tras o afundimento producido nesta estrada no pasado mes de xaneiro debido ao tráfico pesado que soporta, xa que se trata dunha vía fundamental de comunicación na comarca de Lugo. As obras están rematadas e a vía aberta dende principios de xullo.
Tal e como está previsto na Lei de Contratos do Sector Público no relativo ás obras de emerxencia, os traballos liquídanse ao rematarse mediante unha relación valorada, que é o que se fixo hoxe: aprobar o importe definitivo do custe das actuacións acometidas, e que neste caso supoñen unha baixa con respecto á estimación inicial, pois esta era de 300.000 euros, mentres que a valoración definitiva é de 230.800 euros.
Remanentes do Plan Único
A Xunta de Goberno deu o visto bo á solicitude dos concellos de Baleira, Friol, Ourol e Xermade de destinar a novas obras os remanentes resultantes tras adxudicar as actuacións que financiaron con cargo ao Plan Único 2018. As bases deste programa de investimentos xa contemplan que as baixas obtidas nas licitacións serán investidas por cada concello na mesma finalidade, sempre que non supoña modificación orzamentaria e previa proposta do Concello. O importe total dos remanentes dos tres concellos suma 90.000 euros, que destinará ás seguintes obras:
- Baleira. Mellora do vial entre San Román e Retizós: 14.465 euros.
- Friol. Reparación do pavimento no camiño de acceso a Guldriz de Arriba: 9.040 euros.
- Ourol. Construción de badéns reductores de velocidade en Merille e reparación e mantemento de accesos en Burgás, Cernado, Ourol e Pousadoiro-Folgoso: 54.262 euros
- Xermade. Substitución de equipos de alumeado: 12.227 euros.
Proceso selectivo de ATS
Na sesión deste venres, o Executivo deu luz verde á convocatoria dun proceso selectivo de persoal para a creación dunha lista de ATS para a incorporación de profesionais con esta titulación cando sexa precisa nos centros de atención ás persoas maiores.
Plenos e Xuntas de Goberno
A Xunta de Goberno tomou razón dun informe da Secretaria Xeral da Deputación na que fixa unha serie de criterios sobre a convocatoria e desenvolvemento das sesións da Xunta de Goberno e do Pleno ao abeiro do Regulamento Orgánico vixente na entidade provincial. Segundo este informe: para que os asuntos non incluídos na orde do día dos Plenos ordinarios poidan ser debatidos na sesión deben ser declarados de urxencia co voto da maioría absoluta dos membros da Corporación; a convocatoria da Xunta de Goberno debe realizarse 24 horas antes da celebrarse a sesión; e as emendas ás propostas elevadas a Pleno deberán ser presentadas un día antes da celebración da sesión.
Outros asuntos
Outro dos asuntos abordados foi a adxudicación do subministro de papel de reprografía para a entidade provincial por importe de 59.895 euros e un período de dous anos á empresa Sistemas de Oficina Lugo SA.
Procedeuse tamén ao nomeamento de José Luis Lolo Celeiro, presidente de COGAMI, como representante da Deputación na Fundación Galicia Obra Social.