A Deputación invirte na sinalización de topónimos e lugares nas vías provinciais
A Deputación de Lugo investirá 200.000€ na sinalización de topónimos e elementos de interese turístico e cultural nos 4.200 quilómetros de vías que configuran a rede provincial. Así o informou o Deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera, logo de que a Xunta de Goberno deste venres aprobase o programa que se fará en colaboración cos concellos para a instalación de carteis indicativos nas preto de 9.700 áreas habitadas de toda a provincia.
“Os concellos que queiran colaborar coa Deputación neste programa, deberán elaborar un listado de situacións de sinais por orde de prioridade”, explicou Pablo Rivera. Unha vez recibida a proposta municipal serán os técnicos da Deputación os que calculen os sinais que se poderán asignar cun custe mínimo de 2.000€ por concello. O importe restante do programa distribuirase en función do número de quilómetros de vías provinciais en cada concello. “No caso de que algún concello non colabore, a Deputación poderá sinalizar os elementos que considere necesario ou redistribuír o importe correspondente a ese concello noutros que considere necesario”, aclarou o Deputado.
Pablo Rivera sinalou que “esta é unha medida importante de cara a facilitar a mobilidade pola nosa provincia, mellorando a experiencia dos usuarios da rede provincial e tamén a das persoas que nos visiten”. O responsable de Promoción Económica e Social na Deputación explicou que é importante ter os recursos, pero tamén ser quen de chegar a eles. “Con esta iniciativa facilitamos á xente a información necesaria para que percorrer o noso territorio sexa máis doado e para axudarlles a identificar lugares de interese”.
Programa de emprego
A Xunta de Goberno local sacou adiante tamén unha nova convocatoria do programa Prende! Bota raíces no rural, que pretende favorecer o emprego de mozos e mozas na provincia. A Xunta de Goberno tomou esta decisión porque por culpa da situación xerada pola pandemia da Covid-19 non se chegaron a cubrir todas as prazas.
Serán dúas liñas de axudas, unha para a contratación de 18 persoas por conta allea e outra para axudar a 2 persoas para crear empresas de economía social, como cooperativas, que estean inscritas no Sistema de Garantía Xuvenil. No primeiro caso, a Deputación financiará os custos salariais do 50% do Salario Mínimo Interprofesional, no segundo, a administración provincial achegará o 75% do SMI vixente durante 12 meses. “Esta medida permite á mocidade do rural iniciar a súa vida profesional sen necesidade de cambiar a núcleos de poboación máis grandes, incentivando a contratación por conta allea e cuxa actividade se atope entre hostalaría e turismo, enerxía e auga, agricultura e gandería e medio ambiente”, explicou o responsable provincial da Área de Promoción Económica e Social.
As empresas dispoñen agora dun novo prazo ata o 30 de setembro de 2021 para solicitar a contratación de mozos e mozas que se incorporen aos seus cadros de persoal, contando con este financiamento da Deputación.
5 prazas de acceso libre
A Xunta de Goberno aprobou tamén as convocatorias das bases específicas para o ingreso, como funcionarios de carreira, de cinco prazas de acceso libre, polo sistema de concurso-oposición. Unha de enxeñeiro industrial, outra de enxeñeiro técnico topógrafo e tres de técnico superior de informática. Unha medida que ten por obxecto continuar coa estabilización do emprego temporal da Deputación.