A Deputación ofrece actividades gratuítas de lecer en espazos fluviais da comarca

TerraChaXa | LugoXa | AMariñaXa
A Deputación de Lugo organiza actividades gratuítas de lecer en espazos fluviais da provincia adaptadas á nova normalidade para promocionar o turismo interior e de natureza.
RABADE_RemediosGCabarcos
21 Ago 2020

A Deputación de Lugo organiza actividades gratuítas de lecer en espazos fluviais da provincia adaptadas á nova normalidade para promocionar o turismo interior e de natureza. Dende este venres, 21 de agosto, ata o 6 de setembro desenvolveranse sete xornadas con actividades acuáticas de kaiak, paddle surf, inchables e outros xogos en contornas fluviais dos concellos da Pontenova, Alfoz, Trabada, Guitiriz e Navia de Suarna.

Cada xornada durará tres horas e poderán participar maiores de 6 anos de idade, que disporán dun coordinador e seis monitores encargados de dirixir e supervisar as actividades.

Na zona da Mariña empezarán no Pozo da Ola da Pontenova este venres de 16 a 19 horas, o mesmo horario que seguirán tamén o xoves 27 de agosto. En Alfoz tocará na área recreativa de Carballido o luns 24 de agosto, de 16 a 19 horas. Finalmente en Trabada estarán na Ría de Abres
o domingo 30 de agosto, de 15:00 a 18:00 horas.

A Deputada de Promoción do Territorio e Turismo, Pilar García Porto, destacou que a situación sanitaria provocada pola COVID-19 “obríganos a reinventarnos moitas veces e a adaptar á nova normalidade as actividades que viñamos facendo ata o de agora para preservar o máis importante, que é a saúde pública. Está claro que podemos seguir saíndo e desfrutando, dinamizando o turismo, a economía e o emprego, pero doutra maneira. Iso foi o que fixemos na Deputación de Lugo coas actividades de lecer en espazos fluviais”.

Este verán, engadiu “ofrecemos de novo esta alternativa de lecer para promocionar o turismo interior e de natureza, pero aplicando todas as medidas de seguridade establecidas e recomendadas polas autoridades sanitarias: dende a realización das actividades por grupos reducidos de 10 persoas, circuítos de entrada e saída, control da temperatura, hixiene de mans, uso de máscaras e mesmo un axente anti-covid para controlar as medidas preventivas e a desinfección do material. Todo para que se poidan desenvolver minimizando riscos, con todas as garantías posibles”.

A inscrición pode facerse unha hora antes do inicio de cada actividade ou chamando ao número de teléfono 636.504.155. As persoas interesadas en obter máis información poden dirixirse á web da Deputación www.deputacionlugo.gal

Medidas de seguridade fronte á Covid-19
Para garantir a seguridade fronte á Covid-19, aplicarase un rigoroso protocolo de prevención coas medidas establecidas polas autoridades sanitarias. A participación será por grupos cun aforo reducido de 10 persoas, que rotarán polas diferentes actividades e acompañados sempre do mesmo monitor. Contarase coa presenza dun axente anticovid para controlar as medidas preventivas e a desinfección do material da zona. Antes do inicio, tomarase a temperatura, entregaranse máscaras e tomaranse datos dos participantes, que disporán de hidroxel e auga con xabón para a hixiene de mans. Todo o persoal irá previsto cos EPIS correspondentes e as zonas estarán delimitadas con circuítos de entrada e saída.

Calendario das actividades fluviais

A PONTENOVA, Pozo da Ola
Venres 21 de agosto, de 16 a 19 horas
Xoves 27 de agosto, de 16 a 19 horas

NAVIA DE SUARNA, praia fluvial
Sábado 22 de agosto, de 16:30 a 19:30 horas

GUITIRIZ, Parga
Domingo 23 de agosto, de 16:30 a 19:30 horas
Domingo 6 de setembro, de 16:00 a 19:00 horas

ALFOZ, área recreativa de Carballido (A Naranxa)
Luns 24 de agosto, de 16 a 19 horas.

TRABADA, Ría de Abres
Domingo 30 de agosto. De 15:00 a 18:00 horas

0.15654683113098