A Deputación ofrece atención personalizada a 28 nenos con capacidades diferentes a través de APNED

TerraChaXa | AMariñaXa
28 Xan 2019

A deputada de Benestar, Sonsoles López Izquierdo, mantivo un encontro con usuarios de APNED (Asociación de Pais e Nais de Nenos con Discapacidade da Mariña Lucense), xunto á representante deste colectivo, María del Carmen Iglesias Fuentes. Fíxoo para coñecer, in situ, o resultado da colaboración que mantén o Executivo Provincial con APNED para mellorar a calidade de vida dos 28 nenos e  nenas con capacidades diferentes que a integran.
O Goberno da Deputación colabora con esta entidade cunha achega anual de 10.000 euros. Estes fondos permiten sufragar as necesidades de atención profesional dos mozos e mozas de ata 18 anos que atende a asociación, así como os gastos derivados do servizo ambulatorio, pois os usuarios reciben os coidados nos seus propios fogares. López Izquierdo lembrou o compromiso e a aposta decidida do Executivo Provincial por garantir medidas que melloren a súa calidade de vida e benestar.
APNED é unha asociación sen ánimo de lucro, creada no ano 2001 por pais de nenos e nenas con capacidades diferentes que ofrece, a día de hoxe, atención individualizada a usuarios de 8 concellos mariñáns: Ribadeo, Barreiros, Mondoñedo, Lourenzá, Foz, Burela, Viveiro e O Vicedo. Este colectivo, creouse co fin de dar un servizo de atención e integración nun contexto ordinario, traballando na súa autonomía e en aspectos relacionados coa vida diaria. APNED ofrece atención, integración e apoio a todo tipo de usuarios con capacidades diferentes, aínda que a día de hoxe o 85% dos nenos que a integran padecen TEA (Trastorno do Espectro Autista).
O tratamento e a atención que reciben os 28 usuarios de APNED é moi personalizado, pois realízase unha valoración do cativo en todos os ámbitos da súa vida, así como das súas necesidades en tres niveis diferentes: educativo, social e persoal. Deste xeito, planifícase un traballo específico para modificar o seu ambiente e acadar a máxima autonomía no entorno cognitivo, social, no fogar ou no ocio, entre outros. Este planing de traballo, totalmente individualizado para cada usuario, complétase coa axuda dun equipo interdisciplinario que traballa no ámbito da logopedia, a psicopedagoxía e a psicoloxía. Os nenos de APNED reciben a atención necesaria a través do servizo ambulatorio, sen necesidade de desprazarse do seu propio fogar.
Ademais das tarefas individualizadas, APNED ofrece formación aos docentes, dando resposta á falta de información no ámbito escolar e educativo, a través de charlas ou seminarios. Deste xeito, os profesores aprenden sobre as metodoloxías necesarias para integrar aos nenos con capacidades diferentes en colexios e institutos ordinarios.
Nesta mesma liña, APNED tamén ofrece información e asesoramento a pais e nais sobre sistemas alternativos de comunicación, así como métodos para guiar aos familiares e conseguir que a vida dos nenos sexa máis sinxela e autónoma. Ademais destes servizos, a Asociación realiza outras actividades como o respiro familiar, obradoiros de ocio e tempo libre dirixidos a nenos con e sen capacidades diferentes ou actos de sensibilización.
 

0.050726890563965