A Deputación pecha dúas estradas en Ourol e Muras e reabre ao tráfico en Cervantes

A Deputación pechou este xoves dúas estradas en Ourol e Muras a consecuencia do colapso de dúas pontes danadas pola cadea de borrascas que afectou á provincia nas últimas semanas. Trátase da LU-P-3807, que conecta Bravos e San Pantaleón por Foxo; e a LU-P-6502 entre Vilalba e Chavín pola Balsa. Por outra banda, a institución provincial vén de abrir ao tráfico a estrada derribada en Cervantes polas intensas choivas, a LU-P-1402 que comunica as parroquias de Ribeira e Vilaquinte por Quindous.
Hai dez días, o 9 de febreiro, parte da plataforma desta vía provincial colapsaba á altura de Vilaver a causa da erosión da auga no terreo baixo o pavimento. Nese momento, a institución provincial decidiu seguir os criterios técnicos que recomendaban pechar a estrada neste punto. Unicamente puido circular o transporte escolar, co fin de evitar aos nenos e nenas desprazamentos alternativos excesivamente longos.
Desde o primeiro momento, os técnicos da Deputación buscaron unha solución inmediata e urxente para esta vía, na que se acometeu unha drenaxe provisional para canalizar a auga que baixa polo talude e evitar así que siga colapsando a base do firme. Tamén se traballou sobre o reperfilado e limpeza da marxe contraria á derrubada para facilitar a circulación dos vehículos.
Continúan ademais pechadas ao tráfico as estradas provinciais LU-P-4103, en Pantón, tras un derrube de terra e pedras de gran tamaño sobre o firme; e o tramo vello da LU-P-3501, en Navia de Suarna, pola caída dunha ponte.