A Deputación pon en marcha un proxecto ao redor do acordeón diatónico

RibeiraSacraXa | TerraChaXa | LugoXa | AMariñaXa
A Deputación pon en marcha un proxecto audiovisual para difundir os contidos do Cancioneiro Galego para Acordeón Diatónico. De Botóns
German Diaz Cancioneiro Galego para Acordeon Diatonico. De Botons
21 sep 2021

A Deputación pon en marcha un proxecto audiovisual para difundir os contidos do Cancioneiro Galego para Acordeón Diatónico. De Botóns e poñer en valor os espazos xestionados pola institución provincial como son a Rede Museística, o Centro de Artesanía e Deseño e o propio Pazo de San Marcos como espazos culturais e abertos á cidadanía.

Ugía Pedreira, Davide Salvado, Noemí Basanta, Germán Díaz, Brais Monjardín e Vazmin Yukhnevich están a gravar vídeos musicais interpretando algunhas pezas recollidas na publicación nos emprazamentos citados, acompañados polos seus autores, e músicos, Carlos Quintá e Pedro Pascual.

O traballo de rodaxe estívose a desenvolver no Museo do Mar de San Cibrao, no xardín do Pazo de San Marcos e en San Paio de  Narla. E continuará no Museo de Lugo, no Centro de Artesanía e Deseño e no Pazo de Tor.

Ugía Pedreira interpreta no Museo do Mar de San Cibrao unha composición de Dorothé Schubart mentras que e o xardín da Deputación de Lugo será o escenario no que Davide Salvado achegue unha peza de recollida popular, “Manolo mío”. A música tamén dará paso á palabra, cun Canto de Sega especial e con historia, unha herdanza da avoa de Noemí Basanta que agora ela conta e canta co Museo de San Paio de Narla como testemuña.

O Museo Provincial de Lugo empraza a música de Vazdim Yukhenevich cun canto de berce do arquivo do coro Frores e Silvereiras de Lugo. Mais non só os museos se presentan como espazos de concerto, senón que tamén aparece o Centrad, onde Germán Díaz toca ao acordeón o Pasodobre de Paulino e a Rumba de Muras. Finalmente, tamén formará parte do audiovisual Brais Monjardín desde o Pazo de Tor, cun recital que integra varias pezas recollidas en diversos puntos da provincia como Folgoso do Courel ou A Pontenova. 

CANCIONEIRO GALEGO PARA ACORDEÓN DIATÓNICO. DE BOTÓNS.

O acordeón diatónico, chamado de botóns en moitas zonas de Galiza, dá nome ao libro que recolle unha selección de pezas do repertorio galego adaptadas a este instrumento. Trátase dun traballo antropolóxico que inclúe a perspectiva de xénero na redacción dos textos, con fotos (a meirande parte inéditas) de acordeonistas galegos antigos, mulleres e homes. 

A publicación contén explicacións documentadas coa orixe da cada música froito da investigación de grandes coñecedores deste instrumento, nomeadamente Carlos Quintá e Pedro Pascual, xunto cunha serie de colaboradores especialistas en diferentes áreas como Benxamín Otero ou José Dopico Orjais. 

O libro é, segundo explica o editor, Abel Pérez, resultado “de cinco anos de traballo, feito desde Galiza, cun carácter internacionalista para chegar a acordeonistas diatónicos e instrumentais da península, pois no cancioneiro tamén hai partituras con orixes diversos, especialmente dos territorios limítrofes como O Bierzo, o EoNavia, León ou Portugal”.

0.17842698097229