A Deputación pon en marcha unha nova edición de axudas á gandaría extensiva
A Vicepresidencia da Deputación de Lugo prepara unha nova edición do programa de axudas á gandaría extensiva O que non arde. Daniel García visitou unha das ganderías que instalaron peches perimetrais coas achegas da área de Rural, en San Salvador de Outeiro, en Lugo unhas das beneficiarias das axudas para peches de fincas do programa O que non arde, impulsado pola área de Rural da Vicepresidencia da Deputación de Lugo.
A instalación e o mantemento de peches perimetrais son as actuación máis requiridas do programa, que financia tamén a compra de pastores eléctricos e outros sistemas para a protección, o manexo e a rotación do gando en extensivo, con axudas que chegan ata os 2.500 euros. Nas últimas tres edición do programa, máis de medio cento de gandarías de cabrún, ovino e porcino, e unha vintena de comuneiros, así como asociacións agrogandeiras beneficiáronse das distintas liñas de axudas do programa, no que se investiron 240.000 euros desde 2020.
O deputado de Rural asegurou que seguirán “apostando por este programa que apoia a gandaría extensiva como fórmula para previr incendios e avanzar no aproveitamento e a xestión integral do territorio” e explicou que “o servizo de Rural está traballando na vindeira convocatoria, a partir das demandas e da experiencia que nos traslada o sector”. A iniciativa foi a primeira impulsada pola Deputación de Lugo en relación coa prevención de incendios e a xestión integral do monte. Conta co recoñecemento de mellor proxecto de apoio a gandaría extensiva desenvolvido por unha Deputación a nivel estatal, pola oenegué internacional WWF Adena.